Adega, polo incremento da protección ao lobo ibérico

Imaxe de arquivo dun lobo. (Foto: Wikipedia)
A asociación ecoloxista Adega vén de remitir unha carta á titular do Ministerio de Transición Ecolóxica, Teresa Rivera, co gallo de apoiar a súa proposta de elevar o status de protección do lobo ao Norte do Douro, incluíndoo na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lespre).

Na comunicación, Adega insta ademais o Ministerio a "desatender" o contido da carta remitida pola Xunta da Galiza e outros tres gobernos territoriais do norte do Estado español contrarios ao posíbel cambio de protección

A plataforma censura que o rexeitamento da Xunta se sostén en "argumentos improcedentes e intencionadamente nesgados" e lembra que é o Ministerio o que ten competencias exclusivas para incluír o lobo ibérico no Lespre.

Para Adega, esta xestión para protexer a especie e mudar o modo de atender a incidencia que causa sobre a gandaría, "baseado aínda en vellas políticas populistas que usan o lobo como elemento de confrontación política entre as distintas Administracións", non se pode demorar por máis tempo. 

Neste sentido, rebate os argumentos da Xunta sobre a situación do lobo na Galiza, advertindo de que a súa poboación non aumentou, como recolle o Ditame Científico do Ministerio para o sexenio 2013-2018.

"Non se pode soster que as poboacións de lobo teñan aumentado ante o incremento no número de avisos recibidos por ataque de lobo que, segundo a Xunta, aumentaron en 126% desde 2014.

A realidade é que se incrementaron os avisos logo de que se modernizase o servizo telefónico do 012 en 2015, cun contrato de 4,5 millóns de euros", indica.

Segundo matiza, tampouco é cientificamente defendíbel que o lobo sexa o causante da desaparición de razas de gando autóctona como sostén a Xunta.