Crise dos pellets

Adega exixe que o Plan Camgal se active por "criterios obxectivos" e non dependa dunha "decisión política"

Voluntarios e persoal de Tragsa recollendo pellets dunha praia da Pobra do Caramiñal. (Foto: Arxina)
Roi Cuba transmite a preocupación do movemento ecoloxista galego "pola falta de reacción temperá, de transparencia e información e dunha xestión adecuada por parte da Xunta da Galiza".

O presidente da asociación ecoloxista Adega, Roi Cuba, reuniuse esta segunda feira coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, para transmitirlle a súa "preocupación" pola xestión da vertedura de pellets e para solicitarlle que a activación do Plan Camgal estea baseada en criterios obxectivos e non sexa unha decisión política. A propia conselleira avanzaba esta mañá, após asinar un convenio de colaboración coa Cemma, que se reuniría coa asociación, así como con outras, e que lles pediría saber a quen elixirán para incorporarse ao comité de expertos que está a crear a Xunta para avaliar os efectos da vertedura. A composición deste comité, sinalaba Vázquez, publicarase esta terza feira.

En canto á reunión, Cuba transmitiulle a preocupación do movemento ecoloxista galego "pola falta de reacción temperá, de transparencia e información e dunha xestión adecuada por parte da Xunta da Galiza". Entre as peticións da asociación está a revisión do Plan Camgal. Explican que actualmente a súa activación depende da vontade política do goberno de quenda "e non de causas técnicas ou obxectivas".

Piden revisar o procedemento de aplicación, así como activar un Comité Científico Permanente destinado a avaliar os riscos de futuros eventos contaminantes no mar no que estea representado o ecoloxismo galego, a través da Federación Ecoloxista Galega. Outra das condicións expostas para "a correcta xestión das verteduras mariñas" é contar cunha información pública "constante, rigorosa e veraz" sobre accidentes marítimos, así como da previsión ou evolución dos posíbeis verteduras, zonas afectadas, natureza dos residuos, etc.

Sobre isto, Adega pediulle á conselleira de Medio Ambiente que poña a disposición do público xeral un portal web de información permanente, en tempo real "ou case-real", sobre verteduras mariñas e a calidade das augas, parecido ao que usa a Comisión Europea para informar os incendios forestais na plataforma web EFFIS (European Forest Fires Informativo System).

"A posta en marcha dun sistema de información en rede sobre este tipo de incidencias permitiría tamén que as ONGs e concellos recibamos as alertas ao mesmo tempo que os organismos administrativos responsábeis —Salvamento Marítimo-Ministerio, Consellaría do Mar, Medio Ambiente...—, o que sería de grande axuda para organizar con tempo as eventuais accións de voluntariado que puidesen ser necesarias, chegado o caso", indicaron.

En terceiro lugar, Adega considera "determinante" que a Xunta "mostre e demostre unha absoluta vontade de colaboración e coordinación con outras administracións competentes", como concellos ou o Goberno do Estado, para afrontar "coa maior celeridade e eficacia os traballos de detección, vixilancia, control e eliminación das verteduras contaminantes".

Voluntariado

Na reunión, Cuba tamén sinalou algunhas solicitudes en canto ao voluntariado, respecto ao que tamén aprecian "deficiencias de xestión e lentitude na resposta". "A Xunta tardou en proporcionar á cidadanía un protocolo de limpeza e unhas instrucións claras de actuación. Tampouco dispoñen dos medios e recursos necesarios, deixando en mans de organizacións ecoloxistas a responsabilidade de informar o voluntariado de como proceder adecuadamente para limpar as praias", lamentan.

A este respecto, lembran que o Plan Camgal non publicou o seu protocolo para voluntariado en praias até dez días despois de activarse, o que provocou que boa parte da marea de voluntarios que se achegaron nun inicio ás praias chegase de forma caótica e sen as debidas precaucións para evitar maiores afeccións sobre as zonas a limpar e sobre a súa propia saúde".

Adega tamén lle propuxo á Consellaría estabelecer un acordo de colaboración para a custodia ambiental do litoral galego durante todo o ano e unha xestión adecuada do voluntariado contra o lixo mariño, "que permita concienciar e sensibilizar sobre a contaminación crónica dos mares e praias". Tamén lle solicitou á responsábel galega apoio "inmediato" para favorecer a participación ordenada do voluntariado que se ofrece a axudar.

Por último, a organización incidiu na necesidade de priorizar as actuacións nas zonas de cría da píllara das dunas, "unha especie protexida e vulnerábel", que habita os areais galegos e que en mes e medio comezará a criar nas dunas. Tamén que a consellería "dea instrucións claras" a todos os concellos litorais para que cesen no uso de maquinaria pesada para a limpeza das praias, "xa que estaría a agravar a situación dos areais ao enterrar os pellets, compactar a area das praias e retirar innecesariamente os residuos naturais que son imprescindíbeis para a biodiversidade litoral".