Medio Ambiente

Adega pide un "último impulso" para frear a A-57 nos tribunais, onde solicitará a paralización cautelar

Reunión de representantes de Adega con veciños e veciñas de Xeve e Bora convocadas pola plataforma de afectadas pola autovía A-57. (Foto: Nós Diario)
O colectivo ecoloxista levará a autovía ante a Xustiza e pedirá a suspensión cautelar das obras até que se dite sentenza.

Representantes do colectivo ecoloxista Adega mantiveron un encontro este domingo con veciños e veciñas de Xeve e Bora, en Pontevedra, convocadas pola plataforma de persoas afectadas pola autovía A-57 para mostrar o seu rexeitamento a esta vía e demandar "un último impulso" para frear nos tribunais as obras.

Nunha reunión que tivo lugar no teleclub de Xeve, a secretaria executiva de Adega, Belén Rodríguez Fernández, explicou á veciñanza por que o colectivo ecoloxista decidiu apoiar a causa da plataforma e denunciar o proxecto da autovía ante a Audiencia Nacional.

A través dun comunicado remitido aos medios, a Plataforma Bora Xeve A-57 detallou que Adega pedirá xudicialmente a paralización cautelar das obras até que se redacte unha sentenza a respecto da causa que promoven, "polos danos que esta autovía causaría no medioambiente sen que se acreditase a súa necesidade por densidade de tráfico".

Así, no mesmo día en que se alcanzou o ecuador da campaña de recollida de fondos para que a xustiza avalíe o proxecto do Ministerio de Transportes, a portavoz da asociación ecoloxista agradeceu aos veciños e veciñas a súa implicación na recollida de fondos a través dun crowdfunding que conseguiu xa o 70% dos fondos necesarios para acudir á xustiza a nivel estatal.

Belén Rodríguez cre que é a última oportunidade de frear un trazado que "destruiría Rede Natura e afectaría para sempre bosques de humidais e de árbores autóctonas na contorna do río Lérez". "Van cometer danos irreparábeis que fan que carezan de sentido as supostas medidas correctoras ás que alude o promotor da obra, o Goberno estatal, na Declaración de Impacto Ambiental", esgrimiu.

Neste sentido, a activista ecoloxista fixo referencia ás afeccións de especies en perigo de extinción e endémicas, como o mexillón de río, no Lérez, ou o cogomelo Lentinellis pontevedrensis, presente en Bora, na Cardosa, "que resultarían arrasados".