Adega ofrece material didáctico ambiental a profesorado e familias

Limpeza ríos organizada por Adega.
A asociación ecoloxista Adega pon a disposición da comunidade educativa unha selección de recursos didácticos elaborados pola organización, útiles, tanto para docentes como para o alumnado e tamén para familias, para orientar a formación en cuestión ambientais desde o fogar durante o período de corentena.

A listaxe de materiais  inclúe iniciativas de conservación, custodia do territorio e temáticas como a contaminación, o aforro e a eficiencia enerxética, a xestión adecuada dos residuos domésticos ou a observación e o estudo da biodiversidade. Todos estes materiais están vinculados aos diferentes proxectos que ADEGA desenvolve como Proxecto Ríos, compostaxe caseira e comunitaria, Proxecto Cerna, Charcas con Vida, Lixo Mariño, Living River ou Especies exóticas invasoras.

Para obter este material, Adega convida profesorado, nais ou paia a subscribirse ao envío dos contidos a través do correo electrónico adega@adega.gal coa indicación "solicitude de material didáctico".

A organización ecoloxista chama a aproveitar estas semanas de confinamento para facer introspección e reflexionar sobre como nos estamos a comportar co medio ambiente e co patrimonio colectivo, e como podemos contribuír, sobre todo desde o plano individual, a combater dentro da nosa comunidade outra grande crise á que nos enfrontamos, como é a crise climática ou ecolóxica global.