Adega logra a paralización cautelar do proxecto eólico Serra do Colmo, nos Ancares
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza suspende a instancias da entidade ecoloxista un proxecto que rodearía con catro muíños de vento a xoia románica do Mosteiro de Santa María de Penamaior, en Becerreá.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de paralizar de forma cautelar o parque eólico Serra do Colmo, promovido por Enel Green Power nos concellos de Becerreá e Baralla (Os Ancares). A decisión supón "un novo pau xudicial" ao macropolígono eólico de máis de 130 MW que a empresa pretende instalar nas montañas dos Ancares, de forma fragmentada en, polo menos, catro proxectos, sinala Adega nun comunicado.
A entidade ecoloxista foi quen solicitou a suspensión do parque Serra do Colmo, que xunto aos da Serra do Furco, Serra de Piñeira e Chao do Marco constituiría unha megainfraestrutura que tamén compartiría espazo coa poligonal do parque eólico Pena do Pico, promovido por Greenalia, e tamén autorizado pola Xunta da Galiza.
Segundo sinala Adega, o proxecto eólico Serra do Colmo rodearía con catro muíños de vento de 180 metros de altura a xoia románica do Mosteiro de Santa María de Penamaior "e destruiría áreas de campeo do millafre real, ave en perigo de extinción". O alto tribunal galego fundamenta a súa decisión en boa parte dos argumentos achegados pola entidade, que acreditan un "risco de dano irreparábel ou de difícil reparación" sobre o medio, dado os valores ambientais comprometidos.
A recomendación do Ministerio de Transición Ecolóxica de non instalar máis proxectos eólicos nesta zona, ademais da presenza probada de especies vulnerábeis ou en perigo de extinción, levan o TSXG a obrar de acordo cos principios de prevención e precaución elaborados pola xurisprudencia europea.
Con esta paralización cautelar, e malia a contar o parque coa autorización administrativa e de construción da Xunta da Galiza, as obras do polígono industrial non se poderán iniciar até que non se ditamine sentenza sobre os recurso contencioso-administrativo interposto por Adega.
No límite da Rede Natura
O proxecto eólico Serra do Colmo pretende situarse na parroquia de Santa María de Penamaior, do concello de Becerreá, nunha zona de alta montaña que supera en varios puntos os 1.000 metros de altura. Esta zona acolle hábitats de interese comunitario, algúns prioritarios, como bosques aluviais, queirogais, carballeiras galaico-portuguesas e antigos soutos.
No núcleo da poligonal eólica atópase un dos cenobios cistercientes máis importantes do país, o Mosteiro de Santa María de Penamaior, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1982. Ademais, a poligonal eólica sitúase no límite dos espazos de Rede Natura ZEC Ancares-Courel e ZEC Cruzul-Agüeira, ocupa unha gran área incluída na proposta de ampliación da Rede Natura de 2008, e obstaculizaría a conectividade ecolóxica entre dúas Reservas da Biosfera.
Este proxecto, canda aos outros tres relacionados, "suporía unha auténtica barreira de paso para a avifauna entre Os Ancares e O Courel e unha grave ameaza para a poboación invernante de millafre real, presente nesta zona de alto valor ambiental que alberga as típicas paisaxes de campiña da montaña de Lugo cunha rica biodiversidade asociada", sinala Adega. Alén do millafre real (Milvus milvus), aves vulnerábeis (Circus cyaneus e Circus pygargus) tamén presentes na zona poderían colisionar cos aeroxeradores e tamén coas infraestruturas asociadas. Varios aeroxeradores situarínase, ademais, a menos de 500 metros das vivendas e dos núcleos poboacionais de Liñares, O Cabo e Riodarco, e ocuparían grandes zonas de produción agrícola e pasteiros. O proxecto estaría a tan só 300 metros da Área de Especial Interese Paisaxístico Cruzul-Agüeira, afectándoa e de cheo, e a Via Küning atravesaría a poligonal.
Salvagardar o interese ecolóxico
O alto tribunal galego, nunha ponderación de intereses, fai prevalecer a salvagarda do interese ecolóxico e a protección ambiental sobre os intereses económicos ou argumentacións vinculadas ao desenvolvemento sostíbel, xa que estes últimos non son obxectivo de valoración en sede cautelar, senón que corresponden á análise do fondo da cuestión.
A campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos está detrás deste novo logro xudicial. As achegas reunidas, un total de 6.100 euros, permitiron sufragar os gastos do recurso contencioso-administrativo interposto no TSXG contra este proxecto eólico, así como tamén conquerir a súa paralización cautelar, recoñece a entidade