Décimo aniversario do lago das Pontes: é seguro o baño?

Vista aérea do lago. (Foto: Concello das Pontes)
A asociación ecoloxista advirte da presenza de metais pesados e acedume nunhas augas "case mortas", ao tempo que lamenta o "poder que ten Endesa na localidade e en todo o país" para "facer e desfacer ao seu antollo".

A delegación territorial da asociación ecoloxista Adega en Ferrolterra vén de denunciar, a través dun comunicado, as actuacións de Endesa na contorna do río Eume para "facer e desfacer ao seu antollo", no marco do décimo aniversario da inauguración do lago das Pontes.

E precisamente sobre esta denominación pon o foco a entidade. "Estase a facer un mal uso da linguaxe por parte das administracións públicas e os medios de comunicación de masas, xa que o que hai nas Pontes dista moito de ser un lago, nin tan sequera un encoro".

Adega fai énfase en que o lago é realmente "unha balsa mineira repleta de auga proveniente no seu día do Eume", un río que, afirman desde a asociación, "sufriu unha auténtica agresión medio ambiental nos seus ecosistemas coa finalidade de encher de auga este enorme oco mineiro".

Cómpre lembrar a este respecto que o espazo acuoso foi erguido sobre o antigo recinto da mina, desartellada en 2007, polo que nos seus fondos, precisan desde Adega, "alberga toneladas e toneladas de refugallos altamente tóxicos para a natureza e os seres vivos".

É seguro o baño?

"Nesa balsa mineira as augas están case mortas pola falta de CO2 e de nutrientes, xa que case a totalidade está en hipoxia, o que fai que non haxa vida como debería ter se fose un lago", engaden, ao tempo que cuestionan "como o Concello das Pontes e a Xunta permiten o baño" nunha balsa na que "nin os tratamentos continuos con cal resolven o acedume e os metais pesados".

Así, sinalan que as analíticas realizadas das augas demostran que "ano tras ano aumenta o seu acedume", así como os metais pesados, cuestión que afecta o río Eume, "co perigo que isto supón para o ecosistema das Fragas do Eume, un bosque atlántico único en Europa polas especies doutros períodos glaciares que aínda conserva".

"Non pode considerarse un lago", precisan desde Adega

"O que Endesa fixo nas Pontes co beneprácito da Xunta da Galiza e as autoridades locais non se pode considerar de forma ningunha unha restauración medioambiental, xa que ese balsa non ten ningún valor medioambiental nin presta servizo ningún ao ecosistema, nin tampouco volveu ao estado orixinal que había antes do oco mineiro", lamentan.

Neste senso, inciden no "poder de Endesa non só na localidade, senón en todo o país". "Só así pode explicarse que a unha balsa mineira repleta de augas mortas, acedas e altamente tóxicas poida denominarse lago das Pontes", conclúen desde Adega.