Adega insta Augas de Galiza a declarar “caduca” a concesión de Endesa no Eume

(Foto: Europa Press)

Tamén lle pide que investigue se houbo delito no episodio de turbidez nas augas e que os lodos do fondo do encoro se retiren.

Adega-Ferrolterra considera que o expediente de Augas de Galiza a Endesa polos episodios de turbidez no Eume e que propón un millón de euros de multa e outro millón por danos “non resolve a problemática de fondo”. Tampouco evita, lamentan, “evita que se volvan repetir sucesos contaminantes como o vivido  no pasado mes de agosto”

A organización ambientalista lembra que aqueles episodios de turbidez e contaminación “puxo en risco a saúde da poboación local e da floresta e fauna do espazo natural protexido como Parque Natural Fragas do Eume”.

Critica tamén Adega que a resolución non investigue “a fondo as causas” do acontecido ou “se existen motivos que poidan derivar nunha causa penal”. 

Esta multa non compensa todo o impacto que Endesa e o encoro da Capela teñen exercido nos últimos 50 anos sobre o río e sobre este espazo natural protexido

Augas de Galiza, proseguen, “tampouco clarexa se Endesa está a cumprir as obrigas e condicionamentos do proxecto para modernización das válvulas do encoro aprobado en 2017 precisamente para xestionar os lodos do fondo do encoro, e que á vista do acontecido, non garante a protección do río e da súa contorna fronte a contaminación”

“É de xustiza que Endesa teña que afrontar unha multa económica e os gastos ocasionados pola súa neglixencia, máis tamén achamos, que esta multa non compensa todo o impacto que Endesa e o encoro da Capela teñen exercido nos últimos 50 anos sobre o río e sobre este espazo natural protexido”, indican.

Ao que engaden: “Xa é momento de declarar caduca a concesión franquista debido aos reiterados episodios de verteduras que culminaron co acontecido o pasado ano e liberar o Eume de medio século de contaminación incesante”.

Case 2 millóns de euros terá que desembolsar Endesa se finalmente a proposta de sanción elaborada por Augas de Galiza sae adiante en relación ao caso do encoro do Eume, onde a turbidez e contaminación do río en 2020 obrigou a Xunta a declrara a situación de emerxencia e chegou a deixar sen auga a Pontedeume por varios días, entre outras consecuencias.