Adega impulsa unhas xornadas formativas no Día da educación ambiental

Limpeza dos ríos en setembro de 2020 co Proxecto Ríos no concello de Carballo. (Foto: Adega)
A entidade ecoloxista Adega desenvolve unha xornada formativa en Ames e outra en Barreiros para conmemorar o Día da educación ambiental.

Esta cuarta feira, 26 de xaneiro, decorre o Día da educación ambiental, instituído en 1975 no Seminario internacional de educación ambiental en Belgrado (Serbia), no que se definiron os principios e obxectivos xerais neste eido a nivel mundial.

Por isto, a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega), decidiu conmemorar esta data con actividades en Ames (comarca de Compostela) e Barreiros (Mariña oriental).

A organización destaca a Educación Ambiental como “liña estratéxica de actuación”, valorándoa como unha ferramenta “que permite afrontar e superar as problemáticas ambientais existentes no sistema socioeconómico actual”.

Tamén subliña o seu papel como un “recurso educativo e social que permite a mellora ambiental a través da participación, da sensibilización e da denuncia das problemáticas ambientais”, o que permite construír “unha sociedade máis igualitaria, xusta, participativa e ecolóxica”.

Actividades en Ames e Barreiros

No seo dos programas que a entidade desenvolve realizarase unha actividade de compostaxe comunitaria na parroquia de San Cosme, en Barreiros, que consistirá nun “curso de formación para o persoal do municipio encargado de mantemento das áreas de compostaxe comunitaria”.

Xa en Ames, efectuarase unha sesión de Charcas con vida no instituto en colaboración co Concello, será unha ampliación da charla didáctica que contará co asesoramento do persoal técnico de ADEGA e Charcas con vida.

Adega salienta proxectos de educación ambiental como o Proxecto Ríos, que despois de 15 anos continúa custodiando os ríos galegos “a través das inspeccións realizadas polos grupos de voluntariado que existen na actualidade”, sinalan.