O composto relaciónase co cancro e outros efectos nocivos

Adega Ferrol pide aos concellos da comarca que se fagan "espazos libres de glifosato"

Glifosato.
Os resultados de contaminación dos ríos galegos con este químico preocupan á organización ecoloxista, que solicita que as administracións públicas deixen de usalos na xestión de espazos públicos e fagan fincapé na divulgación dos seus efectos nocivos á sociedade.

Desde a delegación da asociación ecoloxista Adega de Ferro solicitan aos diferentes concellos da comarca, a raíz dun novo informe no que se recolle a contaminación da maior parte dos ríos galegos con glifosato, que deixen de usar este químico para o control de malezas e outras herbas nos espazos públicos.

Así mesmo, piden que se fagan reunións e obradoiros coas labregas e co público en xeral para divulgar a peligrosidade deste produto e as posíbeis alternativas desde a agroecoloxía.

Perigos coñecidos e por estudar

"O glifosato é un produto altamente tóxico, que favorece activamente a produción de cancros, actúa como disruptor endócrino e crese que afecta tamén a reprodución, quer no seu uso quer na contaminación de terras, augas e alimentos", afirman nun comunicado aos medios.

Para alén do máis, este composto é unha fonte de destrución da biodiversidade, "xa que está demostrado que afecta até os polinizadores", explican. Igualmente, en seres humanos terían aparecido restos no leite materno, coas traballadoras e labregas que o usan como principais afectadas. Os seus restos, segundo denuncia Adega, poden afectar a fetos, neonatos e mulleres grávidas.

O que aínda se descoñece é como os glifosatos actúan con outros químicos presentes nos alimentos, na terro, na auga ou mesmo no ar, sinalan.