Adega fai balance de 2021, "o ano do espolio disfrazado de transición verde"

Multitudinaria manifestación contra a "invasión eólica" decorrida o 5 de xuño en Compostela (Foto: Adega).
O colectivo ecoloxista pon o foco no inzamento de proxectos eólicos por todo o territorio e os "recortes" na normativa ambiental por parte da Xunta.

Para a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), o xa rematado 2021 foi "o ano da oficialización do espolio do territorio galego a prol dun fraudulento interese xeral e dunha falsa transición 'ecolóxica' non participada pola sociedade, baseada no sacrificio do medio ambiente e deseñada á vontade dos grandes lobbies económicos".

Así o manifesta o colectivo no seu balance anual do estado do medio ambiente galego. Neste senso, apunta directamente á "grande industria enerxética, forestal e mineira", que, ao seu xuízo, "están a utilizar a escusa da transición verde para acaparar os fondos Next Generation" e, deste modo, "seguir esquilmando" os "xa escasos" recursos naturais do país.

Adega pon o foco na "ofensiva eólica colonizadora" que se está a producir nos últimos meses co inzamento de proxectos de renovábeis por toda a Galiza: máis de 300 e unha potencia a instalar de 10 xigawatts (XW) en trámite.

"En realidade, detrás está a cara máis agresiva do sistema capitalista: recupéranse vellas e rancias formas de ocupación colonialista, recórtanse abertamente dereitos democráticos e intensifícase a destrución do patrimonio natural e cultural sen importar o futuro", incide a entidade.

Pola contra, as ecoloxistas salientan o xurdimento de numerosos e concorridos movementos veciñais contra o boom eólico. Cómpre salientar a manifestación nacional decorrida en Compostela o 5 de xuño ou as mobilizacións simultáneas en diferentes municipios do país o pasado 11 de decembro.

"Máis recortes democráticos"

Aliás, o colectivo lembra as recentes mudanzas lexislativas impulsadas polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, nomeadamente a aprobación a comezos de 2021 da Lei de simplificación administrativa.

"Esta nova norma achanta aínda máis o camiño burocrático-administrativo das empresas depredadoras e redunda na redución dos prazos de exposición pública e no achicamento do dereito á participación pública da cidadanía, que xa encamiñara a Lei de fomento de iniciativas empresariais de 2017, deixando a veciñanza afectada e á sociedade galega en xeral nunha absoluta situación de desprotección fronte as ansias especulativas das empresas", manifestan desde Adega, que recorreu a norma ante a Valedora do Pobo por unha posíbel "vulneración de dereitos fundamentais".

A "falsa moratoria eólica"

Este 1 de xaneiro entrou en vigor a moratoria dun ano e medio aos novos proxectos eólicos que impulsou a Xunta ante o aluvión de parques que axexaban o territorio e superaban á propia Administración. "O resultado foi un 'chamada' que intensificou como nunca a eliminación de bosque autóctono e a proliferación de plantacións de eucalipto en Galiza, tanto legais como ilegais", sostén Adega.

Rede Natura 2000

Por outra parte, Adega lamenta o "desleixo" da Xunta no que atinxe á protección de espazos naturais: "Dez anos despois da última proposta frustada de ampliación da Rede Natura, en 2021 non se produce nin un aceno de mudanza neste eido, malia á ameaza latente da UE de sancionar ao Estado español por non completar a Rede Natura 2000, a existencia de sentenzas xudiciais que advirten desta deficiencia, os expedientes de investigación iniciados na CE, ou pese a un cada vez máis crecente clamor popular que esixe unha rede galega decente e representativa de espazos naturais protexidos".

Sentenza de Ence

"2021 déixanos, cando menos, unha boa nova que só se pode atribuír á inesgotábel acción de defensa ecoloxista e social: a Audicencia Nacional anula [por terceira vez] a prórroga da concesión de ENCE en Pontevedra", celebran as ecoloxistas.