Adega exixe a Teresa Ribera unha moratoria aos eólicos na Galiza

Protesta o pasado domingo 23 de abril en Santiago de Compostela, convocada por Eólica, Así Non. (Foto: Álvaro Ballesteros Europa Press)
A entidade denuncia un "agravio comparativo".

A entidade ecoloxista Adega trasladou onte á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, unha carta e un informe no que expoñen as "eivas" do despregue das enerxías renovábeis na Galiza, causa dunha forte contestación social. Na misiva, a asociación pediulle a Ribera que decrete unha moratoria na aplicación dos Reais Decretos-Lei 6/2022 e 20/2022 no que atinxe á tramitación de proxectos de enerxías renovábeis no territorio galego.

No documento remitido ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Adega chama a atención sobre os danos que poden causar nos ecosistemas da Cordilleira Cantábrica a aplicación dos artigos relativos ao desenvolvemento de proxectos de enerxía desta lexislación e á "tardanza" na ampliación da Rede Natura 2000 en territorios como a Galiza, "incumprindo o mandado europeo".

Para Adega, as dúas normas supoñen unha "perda de dereitos cidadáns, comezando polo de participación pública", na avaliación ambiental dos proxectos. "Só co estudo de impacto presentado polo promotor, o Ministerio podería autorizar un parque sen agardar tampouco polos informes preceptivos que teñan que virar outras Administracións", afirman desde a asociación ecoloxista. 

Agravio comparativo

Na carta remitida ao Ministerio, Adega afirma que a exención do trámite de avaliación de impacto "coas conseguintes eivas na salvagarda dos dereitos ambientais, discrimina claramente os proxectos de renovábeis fronte a outras iniciativas" que seguen a estar suxeitas á avaliación ambiental, segundo a Lei 21/2012. 

Isto, sumado a que Adega considera que a aprobación dos decretos supuxo un "agravio comparativo para a Galiza", levou ao colectivo ecoloxista galego a exixir unha moratoria na aprobación desta normativa.