Adega di que a Xunta “chantaxea” concellos para “favorecer” Sogama

Complexo de Sogama en Cerceda nunha imaxe de arquivo. (Foto: Sogama)

Afirma que Medio Ambiente enviou cartas aos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza que opera a planta de Lousame por supostos incumprimentos da normativa de residuos, exixindo melloras e cuestionando a viabilidade do sistema de recollida e compostaxe.

Adega di que a Xunta está a “chantaxear” concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza. Unha acusación que deriva, afirma, da “ameazante misiva”, na que Medio Ambiente invoca o cumprimento da Lei galega de residuos (6/2021), a normativa estatal (RD 646/2020) e a europea (Directiva 2018/851) que establecen as condicións e obxectivos de reciclaxe das diversas fraccións dos residuos municipais.

“De seguido, sinalan que as cifras de reciclaxe (31,% en 2020) do modelo de xestión da Mancomunidade do Barbanza "están moi lonxe de acadar estes obxectivos", a saber, o 50% de reciclado (nova lei estatal de residuos, en tramitación) e un máximo de 40% a vertedoiro en 2025”.

Para Adega “chama poderosamente a atención” que a Xunta “só se amose preocupada polos supostos incumprimentos do sistema Lousame, e non comente os resultados do sistema Sogama, que leva case 30 anos amosando as cifras máis baixas de reciclaxe do Estado español”.

“Os resultados son claros”: o modelo Sogama ao que están adheridos 295 concellos galegos aplica tratamentos finalistas (incineración e vertido) a máis de 96% dos refugallos municipais que recibe e xera, reciclando só 3,16%.

Facendo uso dos datos subministrados polo Miteco na súa Memoria anual de xeración e xestión de refugallos municipais do ano 2018, previo á pandemia, “podemos comparar as cifras dos sistemas Barbanza e Sogama”, din. E, apuntan, “os resultados son claros”: o modelo Sogama ao que están adheridos 295 concellos galegos aplica tratamentos finalistas (incineración e vertido) a máis do 96% dos refugallos municipais que recibe e xera, reciclando só 3,16%.

Pola súa banda, sempre segundo indica Adega, o complexo medioambiental do Barbanza (9 concellos) reciclou en 2018 un 13% dos residuos recibidos, compostou a materia orgánica doutro 22,43% e enviou a vertedoiro, sempre previa triaxe, arredor de 64%. A actual Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta foi dende o ano 2012 até o seu actual nomeamento responsábel de asuntos científicos e regulatorios de Coca-Cola Iberia, unha das empresas "padroas" de ECOEMBES.

Adega insta a Xunta a deixar a “estratexia do matonismo e a ameaza para tentar desestabilizar o sistema de tratamento alternativo a Sogama da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza”.

A Galiza está entre os últimos territorios do Estado a nivel de reciclaxe, así como na produción de compost e no aproveitamento do refugallo que se tira mesturado no contedor verde, e boa parte da responsabilidade é de Sogama, a empresa con maioría pública que xestiona o 80% do lixo do país.