Adega denuncia a Xunta por 'eximir' Greenalia de pagar 11,7 millóns á facenda pública galega

Os directivos de Adega Belén Rodríguez, Froilán Pallín e Fins Eirexas, onte, presentando en rolda da prensa o contido da denuncia. (Foto: Nós Diario).

Adega vén de presentar unha denuncia diante da Fiscalía contra a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, por presunta prevaricación e malversación de fondos na tramitación de varios parques eólicos de Greenalia. A entidade ecoloxista acúsaa de “eximir” a empresa do pago de case 12 millóns.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de presentar una denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña contra a anterior directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e secretaria xeral de Industria da Xunta da Galiza, Paula Uría.

A entidade ecoloxista acúsaa de “presunta prevaricación e malversación de fondos en relación á tramitación do plan industrial asociado á asignación de megawatts para o desenvolvemento dos proxectos eólicos Campelo (Coristanco), e Lamas de Feás (Baltar) de Greenalia Wind Power”, empresa da que é directiva a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato.

Paula Uría

A entidade ecoloxista considera que Uría “eximiu a empresa da ex conselleira Beatriz Mato de ter que pagar perto de 12.000.000 de euros á facenda pública”. Neste sentido, sinala unha “resolución administrativa emitida o pasado 21 de xullo de 2021 pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais na que se dá por executado irregularmente o plan industrial ao que comprometía a asignación de potencia para os parques eólicos Campelo e Lamas de Feás no concurso eólico da Xunta de 2010. Por medio desta resolución, Paula Uría aceptou a proposta de Greenalia de dar por executado o plan industrial, malia diferir na súa totalidade da proposta orixinal de 2010, explica Adega.

O proxecto industrial

A historia deste litixio remóntase a 2010. Naquela altura, a Xunta da Galiza adxudicou á empresa Kaekias Eólica S.A. 75 megawatts para desenvolver os parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás, co compromiso de executar a maiores un plan industrial específico, ou, no seu defecto, de monetizalo nun importe económico a depositar no fondo capital-risco (Sogiga) do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Finalmente, Kaekias Eólica S.A. renunciou a realizar o plan industrial e monetizouno en 11.721.971 euros, cantidade que tería que ingresar na facenda galega unha vez que os proxectos eólicos vinculados aos proxectos empresariais entrasen en funcionamento.

Greenalia faise con  Kaekias Eólica S.A

Greenalia adquiriu en 2016 a titularidade dos proxectos eólicos Campelo e Lamas de Feás, así como os compromisos industriais vinculados a estas instalacións. Neste contexto, en novembro de 2019, a eléctrica coruñesa presentaba na Xunta da Galiza unha proposta de modificación do plan industrial ligado a ambos os parques na que optaba por facer efectiva a execución do plan industrial no canto de ingresar perto de 12.000.000 de euros nas arcas da facenda galega.

Porén, segundo Adega, “o plan industrial incorporado na proposta de modificación de Greenalia nada tiña a ver co plan industrial comprometido por Kaekias Eólica S.A. no concurso eólico de 2010, que consistía nun proxecto de secado térmico de lamas e fabricación de pellets”.

A proposta de Greenalia

A finais de 2019, Greenalia solicitou que se tivese por executado o plan industrial asociado ás concesións eólicas de Campelo e Lamas de Feás. As actuacións recollidas no mesmo correspondíanse con tres investimentos acometidos polo grupo empresarial entre 2015 e 2019, significándose entre elas un negocio hoteleiro, un proxecto de buque para a exportación no sector forestal e un proxecto de biomasa.

A este respecto, Adega destaca que “ningunha destas actuacións foi valorada durante o concurso eólico de 2010 para a adxudicación de megawatts eólicos”. Neste sentido, a propia Dirección Xeral de Planificación Enerxética recoñeceu nunha resolución de xullo de 2021 que “a comisión [de seguimento] comproba que a empresa solicita cambiar de monetizar a executar un novo plan industrial con novas actuacións non valoradas durante o concurso de 2010”.

Greenalia di cumprir con todos os criterios

Greenalia, a empresa onde exerce de directiva a antiga conselleira de Medio Ambiente da Xunta Beatriz Mato asume “cumprir con todos os criterios que lle pediu a administración” e convida a Adega “a sentar para deseñar unha estratexia” co fin de "construír un país máis competitivo e sostíbel”. Asemade, afirma que "chama a atención que Adega reclame o cumprimento de plans industriais”, “a pesar de non estar construídos os parques”.