Adega denuncia que o Plan hidrolóxico non dá resposta aos efectos do cambio climático

Encoro dos Peares no río Miño. (Foto: Nós Diario)
A asociación ecoloxista Adega informa de que fixo achegas ao Plan hidrolóxico Galiza-Costa (PHGC) para as bacías que xestiona a Xunta. Advirte que o documento impulsado polo Goberno galego "está lonxe de dar resposta aos efectos da mudanza climática e á blindaxe dos nosos ecosistemas humidos para manter os servizos que estes prestan á sociedade".

Adega considera que o plan debería atender as determinacións da Directiva Marco da Auga e aos compromisos do Estado español no marco dos acordos climáticos internacionais e europeos. Por tanto, entende que debera incluír “un Plan de resiliencia climática para todas as masas de auga dependentes da Xunta”.

Na mesma liña, a asociación ecoloxista propón “preparar e reparar as capacidades dos ecosistemas acuáticos para soportar e amortecer os impactos da mudanza climática”, de maneira que se garanta o mantemento dos servizos ecosistémicos que prestan.

“Planificar unicamente sobre a dispoñibilidade do recurso auga, ben sexa por defecto (Plan de seca) ou por exceso (Plan de enchentes) é manifestamente insuficiente e amosa un concepto constrinxido e anticuado da xestión hidrolóxica”, indica Adega nun comunicado de prensa.

Excepcións á prohibición das hidroeléctricas

Por outra banda, Adega advirte de que o plan mantén a prohibición de outorgar concesións hidroeléctricas que supoñan novos obstáculos transversais nas canles. Porén, o documento recolle algunhas excepcións.

É o caso das modificacións das concesións vixentes que impliquen a "repotenciación e/ou modernización e mellora das infraestruturas existentes". Neste senso, “unha práctica habitual das eléctricas para prolongar o prazo concesional dos aproveitamentos próximos a caducar é precisamente a modernización ou repotenciamento das instalacións”, alerta.

“Desde Adega propoñemos limitar a autorización das modernizacións ou repotenciamentos dos aproveitamentos hidroeléctricos a aqueles proxectos que non aumenten máis dun 50% a potencia orixinalmente autorizada, o caudal máximo non supere nun 20% o concedido inicialmente, e sempre sen alongar o prazo concesional”, recolle o comunicado.

A respecto dos usos para a transición enerxética “xusta”, Adega advirte sobre os usos industriais hidroeléctricos “aos que se lles pretende dar preferencia sobre os usos agropecuarios e mesmo ambientais”. Adega defende que a prioridade destes "usos para a transición xusta" debería ser inferior á dos usos ambientais e mesmo á dos usos agrogadeiros, equiparándose así aos usos industriais xerais.

Ademais, ve “manifestamente insuficientes” as propostas de novas reservas naturais fluviais e de zonas de protección especial. “Propoñemos incorporar como humidais protexidos xa neste ciclo de planificación a aqueles espazos listados no Inventario dos Humidais de Galiza que se sitúan dentro do territorio atinxido pola demarcación Galiza-Costa”, informa Adega. Trátase de 635 humidais dos 1.131 listados no Inventario para todo o país.

Por outra banda, a entidade ecoloxista considera “inaceptábel” que a educación ambiental e a custodia do territorio estean “completamente ausentes do documento de planificación”, e que a participación pública “só se limite aos períodos regrados de consulta pública durante o procedemento administrativo de revisión” do plan.

Nese sentido, propón a inclusión dun Plan de educación ambiental e un programa de voluntariado ambiental e promoción da custodia do territorio en masas de auga.