Adega denuncia a “ocupación ilegal” con eucalipto desde a moratoria dunha superficie equivalente a 200 campos de fútbol

Plantación de eucaliptos na Fonsagrada aproveitando a moratoria da Xunta. (Foto: Europa Press)

Informan que desde o pasado mes de abril presentou máis dun cento de denuncias na Consellaría de Medio Rural por plantacións ilegais desta especie.

Adega presentou esta terza feira, 26 d eoutubro, día no que entra en vigor o novo Plan Forestal de Galiza 2021-2040, os primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais de eucaliptos.

“Malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun ridículo 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario”, sosteñen desde a organización ambientalista.

Adega lembra que na campaña houbo unha aposta forte pola colaboración e participación cidadá, procurando trasladase á organización ecoloxista información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora.

Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña, informa Adega, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciábeis, afirma, e teñen que ver coa “plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio”.

Cumpridos seis meses desde o inicio da campaña, informa Adega, foron recibidos máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal

Así, Adega informa que xa leva presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta e demais organismos competentes máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio.

Substitución de bosque por eucaliptal: o 60% dos casos denunciados

Até a actualidade, e tendo en conta que aínda fican moitas denuncias por tramitar, Adega informaque xa leva presentado diante da Xunta máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de terreo de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora tras o anuncio da moratoria da Xunta.

Este feito, afirman, vén a constatar “a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra”.

Así pois, prosegue, das parcelas denunciadas até hoxe, o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras.

 “A meirande parte delas, efectuadas en parcelas menores de 5 ha. Alén disto, un 15% das plantacións afectan a algún curso de auga ou a zonas de dominio público hidráulico, e un 10%, a elementos do patrimonio cultural, polo que tamén foron denunciadas ante o organismo con competencia”.