Adega denuncia obras sen autorización dun parque eólico no cumio da Serra de Oribio

A Serra de Oribio. Foto: Turismo.gal

Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía esixen a paralización urxente e inmediata das obras que se están a realizar no cumio da Serra de Oribio, entre Samos e Triacastela, no Courel. Segundo indica a asociación ecoloxista nun comunicado, “se se trata das obras do parque eólico Serra de Oribio da empresa Fergo Galicia Vento, SL, serían ilegais, porque carece de autorización recente e definitiva”.
 

Adega reclama da Xunta a paralización inmediata e cautelar das actuacións “nun dos montes máis emblemáticos do Courel”. “Fergo Galicia Vento podería estar incorrendo nun delito penal por estar intervindo sen a conveniente autorización e cunha declaración de impacto ambiental caduca sobre un espazo natural protexido”, sinala. En concreto, Oribio está dentro da zona de conservación ZEC Ancares-Courel, zona de especial protección dos valores naturais e Rede Natura 2000.

“Nestas zonas non están permitidos os parques eólicos”, lembran Adega e a Sociedade de Ornitoloxía, “ademais, os terreos están considerados área potencial no bosquexo do Plan de Recuperación do Oso Pardo cantábrico e zona incluída na potencial Reserva Biosfera Ribeira Sacra- Serra de Oribio”. Segundo os ecoloxistas, as obras xa destruíron parcialmente o Camiño Real que percorre a cima do monte Oribio (1.447 metros de altitude).

Adega puxo os feitos en coñecemento do Seprona da Garda Civil e das consellarías de Medio Ambiente e de Cultura para que “dispoñan as medidas oportunas que, de entrada, deberan pasar pola paralización cautelar das obras”.

As dúas asociacións temen que as actuacións “respondan a unha estratexia de feitos consumados favorecida por unha tramitación do proxecto opaca e con continuos atrancos”. Adega solicitou hai seis meses na Dirección Xeral de Enerxía e Minas ser parte interesada no expediente pero non será até que pasen oito que accedan ao mesmo.

O parque eólico na Serra de Oribio comezou a planearse en 2004. ao ano seguinte aprobouse a súa declaración de impacto ambiental e todo parou. Até que en outubro de 2018, Fergo Galicia Vento, SL retomou o proxecto.