ADEGA denuncia a insustentabilidade da acuicultura industrial

Verquidos de metal pesado
Presentan un estudo que asegura que os pensos que consomen os peixes de granxa conteñen proteínas doutros peixes, converténdose nun risco para o ecosistema mariño. Aliás, segundo ADEGA, apuntan este proceso industrial de "fabricación" dos peixes como orixe de contaminación por metais pesados.

"Criar leóns dándolles de comer lobos". Con esta imaxe gráfica a Asociación para a Defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA) quere denunciar o que aseguran é un proceso "insustentábel" e contaminante na acuicultura industrial. "O mito da acuicultura industrial como alternativa á sobreexplotación das pescarías, fai augas", aseguran. Unha das razóns sería a ineficacia enerxética e ecolóxica de cultivar peixes carnívoros, como salmóns e rodaballos, que hai que alimentar con outros peixes situados en níveis altos da cadea trófica, tamén carnívoros, "en lugar de proteína vexetal".

Varias publicacións científicas e informes veñen de ser achegadas como proba no proceso xudicial aberto contra Stolt Sea Farm

Metais pesados
ADEGA denuncia tamén a presenza de varios metais pesados tanto nos pensos como nos aditivos "profusamente usados nas granxas acuícolas", segundo apuntan @s ecoloxistas. Varias publicacións científicas e informes veñen de ser achegadas como proba no proceso xudicial aberto contra Stolt Sea Farm por contaminación con metais pesados das terras da Cooperativa Rainha Lupa de Quilmas (Carnota). "Estes estudos demostran", segundo ADEGA, "que tanto nos pensos como noutros elementos e aditivos usados no proceso industrial de cría e engorde están presentes fontes de metais pesados que poden ser a orixe dos atopados nas terras da cooperativa veciñas á piscifatoría de Stolt Sea Farm".

Até o de agora a empresa sostén que a contaminación é allea ás súas instalacións e procede dos adubos químicos das terras, aínda que en agricultura ecolóxica se prohibe o uso destas substancias. Para @s ecoloxistas fica demostrado que a fonte de contaminación procede con toda probabilidade da piscifatoría.

Para ADEGA a acuicultura industrial, ademais de causar enormes impactos paisaxísticos, "contamina o mar e a terra, contribúe tamén de xeito substancial á sobreexplotación dos caladoiros e á degradación dos ecosistemas mariños".