Adega escolle a Roi Cuba presidente da súa nova directiva

Roi Cuba, novo presidente da directiva de Adega. (Foto: Nós Diario)
Adega, Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza, leva a cabo na xornada de hoxe a súa 45ª Asemblea Xeral e nomea a Roi Cuba novo presidente da súa directiva, que se renova.

Este sábado a Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) levou a cabo a súa 45ª Asemblea Xeral e faino de modo telemático para evitar riscos sanitarios pola Covid-19.

Nesta asemblea elixiuse nova directiva para os dous vindeiros anos encabezada polo biólogo lugués, Roi Cuba Dorado, até agora vicepresidente.

Tamén se anovaron outros cargos como o de vicepresidencia, que pasa a ocupar Verónica Torrijos, ou a vicesecretaría xeral, que pasa a desempeñar María R. Lafuente. Froilán Pallín segue ostentando a secretaría xeral e Xan Louzao a tesourería.

Ademais, creáronse catro novas vogalías (enerxía, montes, arqueoloxía e especies invasoras).

Neste encontro anual das socias e socios de Adega tamén se definiron as cinco liñas estratéxicas de traballo da organización ecoloxista para este ano 2021 e que se concretan en: montes e forestal, enerxía eólica, soberanía enerxética, custodia, restauración ecolóxica e ciencia cidadá e formación ambiental (liña transversal). 

Como en anteriores edicións, a organización ecoloxista dá conta as súas socias e socios de base das actividades desenvolvidas durante o ano 2020.

Logo desta asemblea convocarase outra de carácter extraordinario coa intención de mudar parcialmente os seus Estatutos e Regulamento Interno.

Durante a Asemblea Xeral Ordinaria, as socias e socios de Adega participaron en varias mesas de traballo e, concretamente, sobre o debate en tres ámbitos: a enerxía eólica e a súa “irracional” implantación en Galiza, a nova vaga “eucaliptizadora” e o plan forestal do Partido Popular (PP).

Tamén se analizarán as propostas de decrecemento para poder afrontar o reto climático e da sustentabilidade.