Adega convida a reflexionar sobre o tratamento do lixo no 20 aniversario do desastre de Bens

Imaxe Adega

Realizará o 10 de setembro un acto reivindicativo. Nesa data de 1996 unhas 200.000 toneladas de residuous sepultaron o lugar de Bens. Morreu unha persoa.

A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) convoca para este 10 de setembro un acto reivindicativo con motivo do 20 aniversario do derrubamento do vertedoiro de Bens. O 10 de setembro de 1996 unha avalancha de 200.000 toneladas de residuos sepultou o lugar de Bens, na Coruña. Morreu unha persoa e milleiros de toneladas de lixo foron vertidas ao mar.

No 2000 comezou a funcionar un novo plan de xestión do lixo coa planta de Nostián como principal instalación. “Mais cando Nostián leva xa 16 anos funcionando a situación segue a ser preocupante. Hoxe no ámbito Nostián apenas se recicla o 15% do lixo, e a maior parte segue indo a vertedoiros, sexa en Nostián (vertedoiro aínda sen pechar) ou noutros puntos de Galiza como Sobrado ou Cerceda”, afirma Adega. 

Para o colectivo, substituir un vertedoiro incontrolado por outros controlados non é unha opción: “é imperativo millorar a calidade da recollida selectiva para que o sistema funcione como debería”.

O acto reivindicativo terá lugar este sábado 10 de setembro ás 12h no parque de Bens, canda o estanque.