Adega censura a resistencia de Xunta e Estado "a liberar os nosos ríos de encoros caducados"

Imaxe dun encoro.

Con motivo do Día Internacional de acción polos ríos, que se conmemora o 14 de marzo, -anteriormente denominado día de loita contra os encoros-, Adega lembra que a Galiza é un dos territorios europeos con maior presión hidroeléctrica sobre os seus ríos.

E malia a presión que exercen os encoros e a industria hidroeléctrica, salienta a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, tanto a Administración galega como a estatal amosan pouco entusiasmo por liberalos.

"Ducias de encoros curtucircuitan a rede fluvial galega, algúns con máis de 100 anos en funcionamento. E malia que a Directiva Marco da Auga e a Lei galega de Protección e Defensa dos Ríos obrigan a manter en bo estado ecolóxico as nosas masas de auga, sinalando as barraxes como un factor chave do seu deterioro, as Administracións amósanse remisas a iniciar de oficio procedementos de caducidade das concesións", advirte adega nun comunicado.

Moitos destes encoros atópanse ademais dentro de espazos protexidos, engade o colectivo ecoloxista, afectando a ríos e humidais chave para o mantemento dos servizos ecosistémicos e a loita contra a mudanza climática.

"Preguiza ou complicidade?"

Segundo afirma Adega, Xunta e Ministerio demóranse na recuperación das concesións e aproveitamentos que xa sobrepasaron o prazo máximo. Neste sentido defende que como xa ten denunciado, "deixan caducar os procedementos por non resolvelos nos 18 meses que establece a Lei de Augas. Foi o caso da central de Ponte Inferno, no río Verdugo, concedida en setembro de 1899 e explotada por Naturgy. Augas de Galiza non concluíu o expediente de extinción en prazo e caducou".

Tras as denuncias de Adega e Pladever, a Xunta iniciou un novo expediente de extinción que a asociación ambiental pide "rematar en prazo. "Agardamos tamén que coas oito centrais xa caducadas ou que caducarán antes de 2025, incluidas dúas grandes no Tambre -tamén de Naturgy-, a Xunta non se amose tan preguiceira", engade.

Competencia estatal

Polo que respecta ás demarcacións hidrográficas de competencia estatal, matiza Adega, "tampouco son propensas a recuperar concesións extinguidas e naturalizar as canles. E cando o fan, en troques de obrigar á concesionaria a restituir o río eliminando as barraxes e demais elementos artificiais que o alteraron, por veces máis dun século, deciden sacar a concurso unha nova concesión, prolongando aínda máis a condena do río".

É o caso da central do río Loña, no Pereiro de Aguiar, dependente da CH Miño-Sil. "Unha explotación que data de 1897 -123 anos- vén de ser declarada extinta e, no canto de recuperar o río obrigando á concesionaria (ENEL) a derrubar encoro, tubaxes e demáis edificios, a CH Miño-Sil decide convocar concurso público para explotar o aproveitamento", denuncia.

Unha decisión que o colectivo ecoloxista vén de recorrer a canda AEMS-Ríos con Vida vimos de recorrer, "agardando que a variada lexislación de protección dos ríos prevaleza sobre a cobiza da concesionaria e a miopía da Confederación".

"Polo que atinxe ás numerosas concesións caducadas ou próximas a caducar nos vindeiros anos, non hai xustificación para que non se derruben e recuperen os ríos. En todo caso, a reversión ao dominio público e a eventual continuidade da explotación debería facerse -previa avaliación ambiental- a unha empresa pública, para que fose a propia sociedade a beneficiaria directa da electricidade xerada polos nosos ríos", conclúe.