Adega pide a colaboración cidadá para salvar o espazo protexido do Lérez da autovía A-57

Belén Rodríguez de Adega, xunto a Estela Eirín e Carmen Tenorio, da plataforma veciñal Stop A-57. Foto Nós Diario
As obras da autovía A-57 ameazan con partir en dous un espazo natural integrado na Rede Natura.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, en colaboración coa plataforma veciñal de afectados e afectadas pola A-57 nas parroquias de Xeve e Bora, no concello de Pontevedra, presentaron esta quinta feira a campaña solidaria 'Salva o Lérez. Stop A-57'.

A iniciativa busca recadar os fondos necesarios para poder emprender accións legais contra a aprobación do proxecto definitivo e estudo de impacto ambiental da autovía A-57, no seu tramo entre A Ermida (Marcón) e Pilarteiros (Xeve), no mesmo municipio.

O obxectivo final da campaña é poder recorrer na Audiencia Nacional a autorización da construción deste segundo treito da A-57, antes de que exerza sobre o territorio "un impacto ambiental, patrimonial e social irreparábel e inasumíbel" para a cidadanía pontevedresa e para o conxunto do pobo galego, sinalou sinalou Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega.

Especies e casas ameazadas

As obras deste tramo da A-57 partirían en dous un espazo natural integrado na Rede Natura ou rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea. A autovía racharía pola metade a Zona de Especial Conservación do río Lérez, ao que se suma a construción dun viaduto de 700 m sobre o curso do Lérez, do rego de Xanín e do rego de Cardosa.

A intervención ameaza 6.000 metros cadrados de superficie ambientalmente protexida, compromentendo a conservación de especies vulnerábeis e en perigo de extinción que habitan no leito fluvial, como é o caso do mexillón de río (Margaritifera margaritifera).

Ao tempo, arrasaría con flora endémica ou propia da zona afectada, representada en varias especies de cogomelos (Lentinellus Pontevedrensis) e plantas en perigo de extinción (Succisa pinnatífida).

Contorna do río Lérez ameazada polas obras da A-57. (Foto: Nós Diario).

Por outro lado, o treito proxectado entre A Ermida e Pilarteiros, exercería un impacto sobre a veciñanza e os núcleos de poboación afectados totalmente inaceptábel e inxustificado. "Prevese a expropiación e demolición dun amplo número de vivendas, fendendo polo medio, ou incluso borrando do mapa núcleos de poboación enteiros, como o da Cascada, sen que exista ningún elemento obxectivo que o xustifique".

Ademais, engadiu, centos de casas quedarán soterradas nos nós de acceso, ao bordo de precipicios ou debaixo dos viadutos que se van construír nas parroquias de Bora e Xeve.

Fraude social e ambiental

Desde Adega salientaron a ausencia de utilidade social e pública da infraestrutura proxectada na súa aprobación en contra das actuais políticas de mobilidade sustentábel. "O que comezou sendo unha infraestrutura de alta capacidade entre A Coruña e O Confurco (Ponteareas, O Condado) ou Autovía do Atlántico sufriu ao longo dos últimos 20 anos tantas e tan substanciais modificacións que a A-57 acabou perdendo toda razón de ser, ficando a súa concepción orixinal absolutamente desvirtuada".

Adega advirte que os tres treitos da A-57 que hoxe conforman o proxecto da "malchamada circunvalación de Pontevedra" estanse aprobando por parte do Ministerio de Transportes do Goberno do Estado "de forma fraudulenta e contraria á normativa vixente de avaliación ambiental, xa que ao tramitarse de forma separada ou fragmentada", non se están sometendo a unha avaliación ambiental conxunta e completa que permita determinar o impacto real da infraestrutura. 

"O treito A Ermida-Pilarteiros, e a autovía A-57 no seu conxunto, constitúe unha auténtica fraude ambiental, social e legal, e un atentado contra o patrimonio natural e cultural colectivo, ademais dun enorme dispendio de cartos públicos para conseguir a duplicidade innecesaria da AP-9, á altura da cidade do Lérez".

As doazóns de apoio á campaña pódense realizar xa e deurante os vindeiros dous meses a través da plataforma en liña Salva o Lérez. Stop A-57!