ADEGA achega datos da mala xestión da Xunta en mobilidade

Servizo de bicicletas en Compostela abandonado
A Semana Europea da Mobilidade, celebrada do 16 ao 22 de setembro, deixou en evidencia un Goberno galego ineficiente na loita contra a contaminación. A organización ecoloxista aporta novos datos que desmenten o bo camiño do executivo de Feijóo.

Rematou a Semana Europea da Mobilidade e a Xunta segue a difundir datos positivos dun problema que cada vez afecta máis ao noso país: a contaminación. Segundo ven de denunciar a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) a cada vez maior utilización do vehículo privado continúa a causar un incremento alarmante de partículas perigosas para as persoas.

As políticas do goberno galego teiman en promover o uso do vehículo privado e non procuran alternativas que beneficiarían a descontaminación atmosférica. “A cidadanía segue a ser vítima dunha irracional política de transportes (Plano MOVE) deseñada por e para o carro e a sufrir os efectos da contaminación dos carros”, sinalan desde a organización ecoloxista.

A Consellaría de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), sumouse á Semana Europa da Mobilidade con programas de uso sustentábel do vehículo privado máis non achegou alternativas a este. “ As emisións dos vehículos son a principal causa da contaminación das cidades”, lembran desde ADEGA, “e a situación de Galiza incumpre as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS)”.

ADEGA: “ As emisións dos vehículos son a principal causa da contaminación das cidades”

A contaminación segundo se mire
O goberno galego asegura que os niveis de partículas contaminantes están por debaixo das exixencias da lei. Esas partículas, denominadas polos científicos PM10 e PM2,5, son consideradas pola OMS como “carcinóxeno certo”, e polo tanto perigosas para a saúde. “Aínda que non aparezcan reflectidos nas medias diarias, si neses momentos respiramos estas concentracións a nosa saúde resíntese e en especial afectan ás persoas con problemas respiratorios, anciáns, nenos...”, informan desde ADEGA.

A Xunta non actúa posto que a lei que segue permite alcanzar niveis moi superiores aos que recomenda a OMS polo que os datos que presentaron indican, segundo @s ecoloxístas, que “non existen motivos para a tranquilidade e moito menos para a satisfacción”.