Adega apela ao pulo social para que continúe o 'Proxecto Ríos' após cortar a Xunta o seu apoio

Voluntariado do 'Proxecto Ríos' de Adega.

O Goberno galego non renovou o convenio de colaboración relativo ao proxecto de educación e voluntariado ambiental con maior traxectoria e implantación na Galiza.

No Día Mundial dos Humidais, Adega pon en marcha a campaña #euqueroproxectorios para recadar apoios e instar as administracións públicas a dar soporte e continuidade ao que cualifican como o "proxecto de educación e voluntariado ambiental con maior traxectoria e implantación na Galiza".

"O motivo que nos obriga a lanzar esta campaña é a lamentábel decisión de Augas de Galicia de retirar o seu apoio económico e institucional a todo o programa de actividades do 'Proxecto Ríos' para o ano 2024. Este feito sitúa a continuidade do proxecto nun estado de incerteza e dificulta de forma significativa a capacidade de Adega para poder abordar en toda a súa integridade as actividades de formación e voluntariado ambiental que vimos desenvolvendo ininterrompidamente nos últimos 20 anos", indica a asociación nun comunicado.


O cesamento da colaboración de Augas de Galicia supón ademais, indica, a rescisión do único convenio e acordo de colaboración que até o momento mantiña a Xunta da Galiza con Adega para programas de educación e voluntariado ambiental en todo o territorio galego.

Diante desta decisión de Augas de Galicia, "preséntasenos un grande reto: procurar novas vías de financiamento para seguir mantendo, e mesmo ampliando, as actividades do 'Proxecto Ríos' en todo o territorio galego, así como dar soporte a toda a comunidade de colaboradores e voluntarios e voluntarias, que cada ano supera as 6.000 persoas".

Un reto que, afirman, "lonxe de desmotivarnos, dános máis forza para seguir loitando polo Proxecto Ríos e pola súa incidencia social e ambiental, pola custodia fluvial e pola participación cidadá e o voluntariado no estudo e conservación dos nosos ríos".

Ao mesmo tempo, prosegue o comunicado, "queremos deixar claro que este contratempo non implicará a suspensión do programa de actividades para este ano. Confiamos en atopar pronto unha solución, polo que vos animamos a que fagades xa as vosas solicitudes de actividades de Proxecto Ríos para 2024".

A campaña #euqueroproxectorios propón tres vías para que aquelas persoas que así o desexen apoien esta iniciativa: asinando o formulario de apoio, partillando en redes sociais a campaña ou enviando unha carta de apoio.

En 2004, coordinado na Galiza por Adega, comeza a súa andaina o 'Proxecto Ríos', un programa de educación e voluntariado ambiental que basea o seu labor en tres piares fundamentais: a importancia da educación ambiental para dar a coñecer os ecosistemas acuáticos e promover comportamentos que redunden na súa conservación, a constancia do traballo co voluntariado ambiental, que se fai responsábel dun treito de río, e o fomento da participación cidadá como ferramenta fundamental que permita camiñar cara a unha sociedade máis sensibilizada e capacitada para emprender accións de protección e mellora destes ecosistemas.