Adega alerta da problemática das especias exóticas invasoras a través do 'Proxecto Fluviatilis'

Exposición de Adega sobre especies invasoras nun instituto de Xinzo de Limia (Foto: Adega).
Durante o mes de maio, Adega realizará dúas novas instalacións da exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza', que irán acompañadas de visitas guiadas.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), continúa coas actividades enmarcadas no ‘Proxecto Fluviatilis’, que ten por obxectivo “dar a coñecer as problemáticas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, así como fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos”.

Durante o mes de maio, Adega realizará dúas novas instalacións da exposición sobre especies exóticas invasoras 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza', que irán acompañadas de visitas guiadas.

 Así, a exposición xa se colocou no IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia) e levarase posteriormente ao IES Cidade de Antioquía (Tamén en Xinzo), onde poderá visitarse até o día 24 de maio.

Na exposición e na visita guiada darase a coñecer a problemática que supoñen as especies exóticas invasoras para os ecosistemas fluviais, co foco nos impactos desde o punto de vista ambiental pero tamén económico e para a saúde humana.

Así mesmo, sinalaranse exemplos das problemáticas comentadas, tanto desde o ámbito do territorio peninsular como do territorio galego, e daranse a coñecer as principais especies exóticas invasoras presentes nos ríos da Galiza.

Saídas ao río Limia

Adega organizará tamén dúas saídas ao río Limia xunto co alumnado dos centros para coñecer de primeira man esta problemática e identificar as especies invasoras presentes nel.

As actividades de sensibilización e educación ambiental dirixidas a diferentes públicos, entre eles centros de ensino, son unha das propostas do ‘Proxecto Fluviatilis’.