Adega alerta da "bomba biolóxica" que supoñen as granxas de visóns e volve exixir o seu feche cautelar

Visóns americanos nunha xaula. (Foto: Europa Press)
Os centros de cría de visón no país supoñen 75% do total do Estado español.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) instou esta quinta feira a Xunta da Galiza que feche todas as granxas de visóns que aínda permanecen abertas na Galiza, despois de que se dera a coñecer que un surto de gripe aviaria nun complexo de Carral obrigou a sacrificar 50.000 exemplares deste mamífero.

Para o colectivo ecoloxista, este “recente” episodio “volve pór o foco sobre os riscos destas instalacións para o medio ambiente e a saúde das persoas”.

“Como temos denunciado en reiteradas ocasións, as granxas de visón son unha bomba biolóxica que non só poñen en risco a biodiversidade autóctona, senón tamén a saúde pública”, salienta Adega.

Neste sentido, alerta que, “ao seren focos de transmisión de enfermidades como a Covid-19 ou a gripe aviaria”, poden derivar na aparición de “novas variantes descoñecidas para as que aínda non hai vacinas e que poderían transmitirse ás persoas”.

Posíbel impacto económico

“Este novo surto de gripe aviaria nunha granxa de visón americano apunta tamén aos posíbeis impactos económicos que para a gandaría tradicional podería ter a dispersión de individuos afectados polo virus H5N1”, lamenta Adega.

A asociación ecoloxista asegura que tanto os surtos de Covid-19 como os de gripe aviaria deixan patentes “as insuficientes medidas de control de risco das instalacións de cría de visón”.

Adega solicitou “en reiteradas ocasións” aos Gobernos galego e español que, en aplicación do principio de precaución e ante unha situación de emerxencia sanitaria,” decretasen o feche cautelar das granxas de visón, na Galiza. Segundo os datos que achega o colectivo, no país hai actualmente 25 destas granxas, 75% do total do Estado español.

“Non fica claro se estas instalacións van ser prohibidas cando se aprobe a nova Lei de dereitos dos animais”, actualmente en tramitación no Congreso español, “xa que co actual texto dependería das excepcións contidas no regulamento que a desenvolva”, explica a asociación ecoloxista.

Finalmente, Adega subliña que o feche destas instalacións está xa previsto para 2030, ao abeiro do Plano estratéxico do patrimonio natural e da biodiversidade. “Porén, os cada vez máis frecuentes surtos de Covid-19 e agora H5N1 nestas granxas debería provocar o seu feche inmediato como medida cautelar por parte da Xunta”.  

Para a asociación ecoloxista, “o contrario suporía xogar á ruleta rusa biolóxica expoñendo a nosa biodiversidade e a saúde pública a un risco inasumíbel, só para beneficio dun negocio minoritario e elitista cada vez máis cuestionado e prohibido en toda Europa”.