Desregulamento do sector

Adega alerta da “barra libre” para a plantación de eucaliptos

A derrogación do decreto 149/2008 sobre a biomasa forestal representa, a ollos de Adega, “un vello anceio de Ence: ter medio país producindo eucalipto para pasta e outro medio madeira para queimar”.

En virtude da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos galegos (coñecida como lei de acompañamento) derrogarase o decreto 149/2008, o marco normativo que regula a biomasa. “Isto significa que desde 2017 non haberá xa límite de potencia para as instalacións de biomasa na Galiza”, advirte Adega, quen lembra que na actualidade se permiten 10MW por planta, cun total de 80MW en total no país.

"É xusto o que quería Ence"

“É xusto o que quería Ence para acadar o obxectivo de estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes térmicas, mediante os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar)”, engade a asociación ecoloxista, que teme “unha nova vaga eucaliptizadora”. Neste sentido, Adega explica que a partir do ano que entra “nada impedirá que Ence ou a patronal enerxética poidan promover plantas de 50, 100 ou 200 MW, que precisarán inxentes e continuas cantidades de biomasa para queimar”.

Novos cultivos enerxéticos

Aliás, a entidade ecoloxista advirte da introdución de novos cultivos enerxéticos no país alén do Eucaliptus nitens, “a presión destes novos cultivos sobre os ecosistemas galegos vai ser brutal”. Se as oito plantas de biomasa de 10MW de potencia previstas na orde que vai ser derrogada demandan xa un subministro anual de case un millón de toneladas, multiplicar por dez a potencia máxima instalada requiriría queimar todos os anos unha superficie equivalente á metade das comarcas pontevedresas, calcula Adega.

“Favorecerase o abandono do agro e a concentración da propiedade en poucas mans"

Toda esa terra a maiores procederá, segundo a organización ecoloxista, da transformación forestal de terras agrícolas produtivas e mesmo de chan rústicos, así como dos terreos abandonados e de alto valor natural en zonas altas e interiores da Galiza. Desta maneira, empobrecerase a biodiversidade do monte galego, provocarase a perda de servizos ecosistémicos e reducirase a fertilidade e a capacidade de renovación do solo, di Adega, que alerta tamén da perda de capacidade de produción de alimentos e, en consecuencia, da soberanía alimentar. “Favorecerase o abandono do agro e a concentración da propiedade en poucas mans, e condicionarase o modelo produtivo dos montes veciñais en man común”, conclúe.