Adega advirte sobre as consecuencias da "febre do litio" que chega a Galiza e Portugal

É, polo de agora, a última voz que advirte do impacto que poden ter os proxectos megamineiros para extraer litio en ambos os dous países, coas principais reservas europeas deste elemento.

A nova demanda internacional de litio, coñecido como ‘o ouro branco’, para a fabricación de baterías para a industria automobilística sitúa os ollos de grandes empresas sobre Galiza e Portugal lugares potenciais para a súa explotación, xa que aquí se atopa unha das maiores reservas de litio europeo. Adega advirte sobre as repercusións que poden ter estes proxectos.

 

O litio e un elemento químico co que se fabrican as baterías eléctricas, un recurso en alza nos mercados, atraendo grandes investimentos internacionais no eido da minaría para dar saída a esta nova demanda. “Agárdase que para o ano 2025, a demanda de litio a nivel mundial sexa de 300.000 toneladas para satisfacer esta reconversión da industria do coche, excedendo así 11 veces máis á demanda actual deste elemento. Esta situación especulativa provocou que nalgúns mercados o prezo desta explotación aumentase até un 200% nos últimos  tres anos”, explican desde Adega. 
 

Neste escenario internacional, Galiza e Portugal son dous territorios onde se atopa unha das maiores reservas potenciais de litio do continente europeo. Este elemento atópase no sur de Galiza e no norte de Portugal, principalmente presente en minerais como a espodumena, lepidolita ou petalita. Aínda que na actualidade xa existen explotacións mineiras no país luso para a extracción de litio para a industria da cerámica, aínda non hai ningunha explotación operativa para extraer óxido de litio para a fabricación de baterías de coches.

 

A prospección do litio en Galiza atópase aínda nunha fase moi inicial en comparación co país veciño, afirma Adega, que informa que na actualidade hai tres permisos para a exploración de litio no noso pais. Estes permisos están baixo titularidade das empresas Salamanca Ingenieros, Solid Mines España e Recursos Minerais de Galiza e teñen como obxectivo a prospección de litio nos concellos pontevedreses de Fornelos de Montes, Cerdedo, Covelo, A Lama e Forcarei, e nos concellos ourensáns de Avión, Beariz, Boborás e O Irixo. 
 

O colectivo ambientalista considera que a Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais facilitará a concesións futuras de licitacións para a exploración e explotación de litio. A alcumada “Lei de depredación” modifica profundamente  a lexislación mineira galega (2008) no senso de colapsar trámites, reducir prazos, facilitar axudas e dar ao órgano mineiro capacidade substantiva para resolver un proxecto ou solicitude de dereito mineiro, á marxe das consideración dos concellos e doutros departamentos da administración (medio ambiente, patrimonio, urbanismo...).

 

Na actualidade, Portugal conta con máis de 40 solicitudes de prospeccións, e o goberno portugués lanzará o ano próximo un concurso de licencias de exploración que atrae xa a inversores estranxeiros. Estas licencias de prospeccións concentraranse en oito zonas, tres das cales están a menos de 70 quilómetros da fronteira galega.

 

Á súa vez, a empresa Lusorecursos ten previsto abrir o próximo ano o proxecto mineiro Sepeda-Morgade, localizado na cámara municipal de Montalegre, a tan só 15 km da fronteira con Ourense. Este proxecto, que pretende extraer máis de 300 millóns de toneladas do mineral, xa conta cunha grande oposición das poboacións situadas a ambos lados da raia seca.