Acusan a Xunta de promover a segregación do alumnado con diversidade na pandemia

A instancia remitida á Consellaría de Educación reclama atención á diversidade dentro das aulas ordinarias. (Europa Press)
Perto dunha decena de asociacións vinculadas á inclusión das persoas con diversidade veñen de remitir á Consellaría de Educación unha instancia na que urxen a retirada do protocolo para a prevención da Covid-19 no alumnado con necesidades educativas especiais polo "risco de discriminación" que, aos seus ollos, xeran as directrices que se recollen nel

A petición, que impulsa a plataforma de familias Dereitos, non parches, advirte de que as medidas recollidas no documento son "ineficientes, incompletas e contraditorias" e deixan fóra aspectos esenciais para a atención axeitada de alumnas e alumnos con necesidades específicas de apoio educativo nesta crise sanitaria. 

Pero ademais, o protocolo promove, segundo denuncian, "a asunción de medidas profundamente discriminatorias", como é a autorización, no contexto da pandemia, á creación de unidades de educación especial en centros ordinarios onde agrupar o alumnado con diversidade funcional ou trastornos graves de conduta, unha posibilidade que vulnera, segundo alertan, dereitos fundamentais das e dos estudantes nesta situación.

"O protocolo debe cambiarse. Os nenos con necesidades educativas especiais (NEE) non poden estar todos agrupados, fóra das aulas ordinarias, como se propón. Ademais, deben recollerse cales son as circunstancias a terse en conta, dentro das aulas, en relación ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), que engloba menores con TDAH, con Asperger, altas capacidades, dislexia e trastornos da linguaxe, porque nin aparecen nomeados no protocolo", expón Pilar Castiñeira, membro de Fegadah, a Federación Galega de Déficit de Atención e Hiperactividade, que congrega unhas 2.000 familias, e que é unha das entidades asinantes, xunto con Foanpas –a federación de ANPA de Vigo–, Asperga –de síndrome de Asperger–, Atelga –de trastornos da linguaxe–, Apamp –de familias de persoas con parálise cerebral–, Andaina –de persoas con diversidade funcional de Redondela–, Dismacor –a asociación de pais de nenos e persoas con discapacidade das Marismas Coruñesas– e a Asociación de Trastornos do Espectro Autista de Vigo, Teavi.

Criterios organizativos

Ademais de non atopar xustificación sanitaria para a adopción desta medida, as entidades contrarias ao protocolo salientan que a segregación do alumnado con necesidades especiais ou trastornos de conduta contravén a Convención de Dereitos de Persoas con Discapacidade, á que o Estado español está adherido, vulnera os principios de normalización, inclusión e non discriminación da lei para a mellora da calidade educativa e tamén o decreto que regula a atención á diversidade na Galiza.

"Non é unha decisión que se poida deixar en mans da autonomía dos centros en función de criterios organizativos, como dá a entender o protocolo", advirten. 

"No casos do alumnado con TDAH –e outros–, a Consellaría pretende que estea en aulas ordinarias, metido en furnas de metacrilato –anteparos– porque non queren pór o profesorado a maiores para poder facer desdobres e que teñan a atención que precisan", afea a integrante de Fegadah, quen defende que o alumnado NEAE "ten que estar na clase recibindo atención á diversidade".

"Doutra maneira, menores con TDAH serán os eternos expulsados da aula por contravir as normas ordinarias da Covid-19, cando o que necesitan é ter espazo e poder moverse", exemplifica. 

Sen recursos

A falta de criterios nos recursos para poder aplicar, no caso deste alumnado, as medidas definidas polo protocolo xeral de prevención da Covid-19 nos centros de ensino –como auxiliares, técnicas educativas de acompañamento na entrada e saída, intérpretes de lingua de signos...– ou a ausencia de elementos que permitan compensar as limitacións derivadas desas restricións no proceso educativo e socializador, dentro e fóra da aula, son outras das eivas que as asociacións achacan a un protocolo que, alertan, se realizou ademais sen colaboración nin consenso da comunidade educativa e sen dar voz ás entidades nin aos axentes "directamente afectados pola súa aplicación".