Acusan a Xunta de non protexer un xacemento da Idade de Bronce en Cervo

Imaxe: MP

Adega e Mariña Patrimonio sosteñen que Malia a que en 2010 Cultura comprobou a existencia de restos arqueolóxicos nesta zona, na actualidade segue sen adoptar as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial.

O pasado mes de febreiro Adega e mariña Patrimonio informaron ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo sobre os movementos de terra que se estaban a producir durante os labores de limpeza dunha finca en Cuíña, nese concello da costa lucense, situada a escasos metros dunha zona onde se atopan restos arqueolóxicos. Estes movementos, explicaban, poderían ter afectado o sitio arqueolóxico, no que se aprecian centos de fragmentos de cerámica que, segundo varios arqueólogos consultados, datarían da Idade  do Bronce.

Este singular xacemento foi descuberto por Mariña Patrimonio en 2010, data na que xa se informou ao Servizo de Patrimonio de Lugo da súa aparición ao tempo que se lle solicitaba a súa catalogación e protección. Tras a inspección do lugar, no informe elaborado daquela por Patrimonio dicíase “O día 26/04/2010 os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural deste Departamento Territorial realizaron unha inspección do lugar indicado e atoparon unha concentración notable de cerámica (...)”.

 

Porén, e malia que o Servizo de Patrimonio de Lugo constatou a existencia “desta concentración notable de cerámica”, non tramitou o procedemento de inclusión do xacemento no catálogo, quedando desprotexido este ben patrimonial.

 

A comezos de 2018, o paso de maquinaria pesada por esta zona arqueolóxica desprotexida provocou novamente o afloramento dunha importante cantidade de fragmentos cerámicos, polo que se contactou nesta ocasión co Concello de Cervo para informar sobre a desprotección deste xacemento. Adega e MP valoran positivamente  a actuación do Concello.