Acusan á Xunta de discriminar a traballadoras da sanidade privada

Reivindicación á que se sumou Ana Pontón. (Foto: Cedida)
Unha representante da Consellaría de Sanidade recoñece que non van vacinar ao persoal administrativo dos centros médicos privados e estes comezan a reaccionar con protestas pola diferencia de trato con respecto ás profesionais do Sergas.

Traballadoras da Clínica Dermalar denunciaron hoxe o “atraso e a marxinación” que están a padecer as equipas sanitarias de pequenas empresas privadas no que á vacinación contra a Covid-19 se refire.

Nun escrito remitido desde o estabelecemento, inciden que en a Consellaría de Sanidade vai “deixando fallas e lagoas enormes atrás no que debería ser un proceso” equitativo, “áxil, universal” e mesmo ben estruturado.

Así denuncian que a pesar de que a campaña avanza nalgúns sectores, noutro fundamental aínda non existe unha inmunización total.

No entanto, desde Dermalar xa non protestan unicamente polas profesionais sanitarios, senón que consideran unha “aldraxe” que administrativas e outro persoal da sanidade privada non estea a integrarse nos listados para recibir a vacina.

Enumeran así a recepcionistas, técnicos e administrativas que poden ter contacto con pacientes e que, no caso da sanidade pública, si foron ou van ser tratados para evitar que se contaxien do virus.

“Coma proba desta marxinación moralmente reprobable e socialmente insostible” fan chegar a Nós Diario un escrito remitido pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, no que deixan claro que as e os operarios do cadro administrativo van quedar excluídos da inmunización.

Diálogo coa Administración

Após solicitar os datos das distintas persoas, a representante da Xunta deixa claro que, “tal e como se realizou a vacinación en centros de características similares, só se vacinará aos profesionais sanitarios do mesmo”.

Desde a clínica remitiron unha listaxe cos nomes de todas as persoas en activo e con contacto directo e diario con doentes considerando que as e os administrativos sanitarios merecen o mesmo trato que os do Sergas, dado que “a opinión pública non entendería unha diferenza e discriminación socialmente reprobábel e incomprensíbel”.

En todo caso, para o persoal estes feitos “gravísimos” deben ser coñecidos e estar no debate da sociedade. De feito, non son poucos os colectivos que se foron queixando nas últimas semanas dunha suposta discriminación por parte da Xunta.

Falaron desde estudantes de Odontoloxía até profesionais de primeira liña contra o virus que traballan no sector público pero non teñen contrato asinado polo Executivo galego.