Acusan Naturgy de incumprir o caudal mínimo legal no encoro de Salas

Imaxe do río, con moi pouca auga, no cauce por debaixo do encoro. (Foto: Ecoloxistas en Acción)

Ecoloxistas en Acción sinala a “falta de responsabilidade” da eléctrica ao pór “en risco a flora e fauna que habita no río Salas” por debaixo desa presa porque, di, non está a liberar auga suficiente para garantir o caudal ecolóxico.

A organización Ecoloxistas en Acción vén de denunciar “a falta de caudal mínimo augas abaixo do encoro de Salas”, unha instalación hidráulica controlada por Naturgy.

A este respecto, a entidade alerta de que a carencia dese caudal ecolóxico está a implicar un “risco” para “a flora e fauna que habita no río Salas”.

O colectivo, que considera que hai unha “irresponsabilidade ambiental” por parte da concesionaria da instalación, quere saber se a súa actitude implica unha “xestión ilegal” do recurso polo que demando á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil os datos das estacións de aforo do encoro do Salas para facer as comprobacións pertinentes.

As e os ecoloxistas consideran que as cifras serán as que aclaren “cal é o nivel de caudal ecolóxico que hai augas abaixo do encoro, e comprobar así se a grave situación de seca do río é consecuencia dunha mala xestión das augas embalsadas que incumprindo a lei busca abultar a conta de beneficios da empresa a costa da biodiversidade que habita no río e as súas ribeiras”.

“Aínda que se estivera a cumprir o caudal ecolóxico”, vistas diferentes imaxes ao longo do Salas, a entidade apela ás palabras do presidente da Miño-Sil que puxo en dúbida “o que están a facer as hidroeléctricas respecto a súa responsabilidade ambiental e social”.

Revisión do plan

Así o remarcou a asesora xurídica e voceira de Ecoloxistas en Acción Ourense, Montse Valencia, que considera que dado que o Plan Hidrolóxico Miño-Sil está en exposición pública até decembro debería facerse unha revisión á vista da “evidente falta de responsabilidade ambiental das concesionarias”.

“Contémplase a necesidade da revisión mensual dos caudais, e non trimestral, para garantir a vida piscícola que de xeito natural habitaría o río, así como a súa vexetación de ribeira, tal e como contempla a norma”, zanxou.