Acusan a directora do cárcere da Lama de represaliar presos cuxas familias denunciaron "vulneración de dereitos"

Centro penitenciario da Lama (Foto: Europa Press).
Abaixo os muros afirma que as medidas impostas por mor da Covid-19 son "decisións arbitrarias que só perpetuan o maltrato e a dobre condena que todas as persoas presas están sufrindo desde que comezou a pandemia".

O colectivo Abaixo os muros volveu denunciar na mañá desta sexta feira, a través dun comunicado, as "inxustificadas, abusivas e lesivas" medidas tomadas no centro penitenciario da Lama a raíz da pandemia.

Así, familiares e amizades das persoas presas advirten de "fechamento de vises de forma inxustificada" e "corentenas de dez días en situación de absoluto illamento após as visitas familiares".

Din levar tempo reclamando "explicacións" da dirección do centro a respecto destas medidas sanitarias, mais, "lonxe de atopar resposta —aseguran—, Teresa Delgado, directora da prisión, emprende represalias contra persoas ligadas a familiares que veñen denunciando todo este tempo a vulneración de dereitos e a tortura encuberta".

Neste senso, fan alusión a "traslados inxustificados a outra prisión, incumprindo así un correcto tratamento penitenciario que afirma que as persoas presas deben cumprir condena nos centros penitenciarios máis próximos á súa contorna —perto das familias— e, na medida do posíbel, no cárcere no que xa están adaptados".

"Lonxe de alentar que fiquemos caladas, esta medida punitiva para a nosa xente danos máis forza aínda para estar presentes nos medios, para denunciar públicamente que desde a prisión da Lama se maltrata a familias e a persoas presas sen vontade ningunha de achegarse ao entendemento ou á búsqueda de medidas que non perxudiquen a ningunha parte", defenden desde Abaixo os muros.

Para este colectivo, Delgado está a exercer o seu cargo "sen profesionalidade ningunha, abusando do poder que este lle outorga e tomando decisións arbitrarias que só perpetuan o maltrato e a dobre condena que todas as persoas presas están sufrindo desde que comezou a pandemia".

En consecuencia, Abaixo os muros insta Delgado a "comparecer ante a sociedade" e "rectificar na súa nula xestión da prisión". "Podiamos entender a dúbida ou a incerteza dos primeiros momentos da pandemia, mais nesta altura non hai excusas xustificadas que amparen ningunha das torturas que ela asina", sentencian.