Acusan os detidos en Compostela de "desobediencia" e "resistencia á autoridade"

[Imaxe BNG de Compostela]

Após unha hora e media detidos, Renato Núñez e Manuel Dacal, militantes do BNG, foron postos en liberdade. A policía acúsaos de "desobediencia" e "resistencia á autoridade". 

 

Renato Núñez relata en conversa con Sermos Galiza como foi a súa detención. "En media praza do Obradoiro estaba prohibida a circulación" para as persoas que se manifestaban contra a toma de posesión de Agustín Hernández como novo alcalde de Compostela mais tamén, en rexeitamento por unha equipa de goberno copada por edís non eleit@s. "Para os turistas non", explica. 

Renato Núñez é secretario de organización da CIG en Santiago, mais tamén integrante do Observatorio polos dereitos civís. Desde esta perspectiva é taxativo á hora de describir o que aconteceu esta mañá na capital galega. "Foi unha desproporcionada ocupación policial, unha limitación á libre circulación das persoas e unha discriminación", pois eran @s axentes quen decidían se ficabas dentro ou fóra do valado. 

"Algúns cabreámonos por esta situación e decidimos pasar o cordón policial", explica Renato Núñez, "aí foi cando a policía nos fixo a placaxe". As imaxes deste sindicalista axiña fixeron ferver as redes sociais. A súa detención foi a máis violenta. "A Dacal [o outro detido, presidente da FRUGA], que veu detrás de min coa mesma intención, apartárono, mais a min tiráronme ao chan", sinala. 

O policía secreta que o deitou no chan "pegoume unha labazada", afirma

A persoa que o deitou no chan era un axente da policía que ía 'de paisano' e que lle berrou, conta Renato Núñez, "xa está ben de numeritos. Detenido". Após inmobilizalo no chan "pegoume unha labazada na cara, logo apartouse". Despois de seren detidos, os dous manifestantes foron trasladados á comisaría de Compostela onde prestaron declaración durante unha hora e media. Acúsanos dun delito de "desobediencia" e "resistencia á autoridade". 

A policía non portaba identificación

Núñez denuncia que durante o dispositivo policial despregado na céntrica praza da capital galega "había axentes que non levaban identificación", embora ser esta obrigatoria e coida "desproporcionada" a actuación d@s axentes que tiñan, indica, "media praza valada". 

Nos vindeiros días serán chamados perante o xuíz quen determinará o procedemento xudicial a seguir. "En teoría poderían pedir cadea", sinala Renato Núñez, "mais hai que agardar, non creo que fique só nunha sanción administrativa" polos delitos que lles atribúe a policía.