Acusan o delegado do Colexio de Xeólogos de favorecer a mina de Touro

Contaminación provocada pola mina de Touro no tramo medio do río Portapego (Foto: Nós Diario)
A plataforma veciñal Cornado Mina Non rexeita as declaracións do actual delegado na Galiza do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG), Pablo Núñez Fernández, en favor do proxecto da mina de Touro. Cren que esta institución debería ser neutral.

Veciñanza da parroquia de San Tirso de Cornado (Touro), organizada na plataforma Cornado Mina Non, considera "lamentábeis" as declaracións públicas que está a facer Pablo Núñez, delegado na Galiza do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG), "nunha institución de referencia" que por definición debería ser "neutral". Critican así os seus posicionamentos públicos "a prol dos intereses privados" de Atalaya Mining e a súa filial Cobre San Rafael na mina de Touro.

A través dun comunicado, desde a plataforma sinalan que este xeólogo "parece esquecer que o cobre non forma parte da lista de materias primas sinaladas como críticas pola Comisión Europea" polo que consideran que "non é licito mesturar o seu interese particular como empregado da multinacional coa utilización interesada do ICOG a prol dun proxecto como a mina de Touro". Lembran que o plan de Atalaya Mining foi "cancelado pola Administración galega e maioritariamente rexeitado pola sociedade". 

Desde a plataforma Cornado Mina Non apuntan que, "en realidade, a súa aposta pola minaría sostíbel non é outra que o soporte ao negocio da multinacional e da súa filial nun plan extractivo recoñecido polos seus moitos problemas, a meirande parte dos cales, especialmente no plano ambiental, son insalvábeis na práctica". 

Denuncian a manipulación das cifras

As veciñas e os veciños de Cornado alertan no comunicado da "continua manipulación das cifras diante da opinión pública". Refírense ao anuncio o pasado mes de marzo desde a empresa Cobre San Rafael en varios medios de comunicación nos que "falaba de 200 millóns de euros de investimento para a mina de Touro" e agora "Pablo Núñez eleva esta cifra até os 2.500 millóns, hai que supor que confiando na estupidez da audiencia ou na súa mala memoria".

Como xa fixo constar a plataforma veciñal en novembro do ano pasado, reiteran que "é totalmente inaceptábel que Núñez, como empregado de Cobre San Rafael e tamén membro da súa asociación instrumental de Mineiros Touro O Pino, estea a falar en nome de todas as xeólogas e os xeólogos colexiados da Galiza". Neste sentido, indican que o resto de profesionais do ICOG "nin saben que isto acontece a prol do interese económico particular dunha empresa nin por suposto todos están a favor". 

"Mercar a opinión co argumento laboral"

Desde o BNG en Touro consideran que as declaracións de  Pablo Núñez son outro intento de "mercar a opinión pública empregando como único argumento a chantaxe do diñeiro".

O concelleiro nacionalista desta formación nese municipio, Xan Louzao, explica a Nós Diario que "non teñen rubor" ao realizar estas declaracións nas que "tanto sacan como poñen ceros ás cifras". Lembra que este tipo de afirmacións públicas en determinados medios de comunicación van acompañadas da promesa de "400, 500 ou 1.000 postos de traballo" e cre que "non ten sentido andar xogando con números e coas ilusións da xente" cando en realidade "sabemos que é o interese mercantil dunha empresa".

Considera que quedou clara a resposta que tivo a multinacional por parte da Administración galega. "Díxoselle que é completamente inviábel, ambiental e socialmente, todo o que veña a partir de aí non ten sentido".

Alén diso, argumenta que "se queren ser críbeis o primeiro que teñen que facer é resolver o que non fixeron en 30 anos". Louzao dubida da "obxectividade" do delegado na Galiza do ICOG. "Cando estás a soldo dunha empresa nunca es obxectivo, é unha evidencia, por ese motivo interviron no seu momento neste caso organismos independentes", conclúe. Para o BNG, a empresa mineira debería "deixar de facer promesas de futuro para Touro cando en realidade temos futuro sen a mina".