A Consellaría de Educación obviou as exixencias de Inspección sobre a protección do persoal fronte á Covid

O IES Lamas de Abade, nunha imaxe de arquivo. (Foto: CIG)

A autoridade laboral recoñece que a Xunta incumpriu até oito puntos da petición feita após a denuncia presentada por un sindicato. Por exemplo, sostén que faltou “planificación preventiva” e que non se facilitaron os Equipos de Protección Individual axeitados.

A CIG-Ensino fixo pública hoxe a suposta realidade do cumprimento de varios requirimentos estabelecidos pola Inspección de Traballo á Consellaría de Educación. A central sindical lembra que hai meses fixo unha denuncia porque consideraba que non se estaba a protexer o suficiente ao persoal ante a Covid-19.

En concreto, indicaba que a Xunta non seguía a Lei de Prevención de Riscos Laborais no que estaba vinculado á seguridade fronte á pandemia e agora a denuncia conclúe “cunha contundente resolución da autoridade laboral polas irregularidades detectadas”.

Nas revisións realizadas pola Inspección anotáronse eivas como a falta de prevención, a carencia de formación suficiente ou a necesidade de equipos de protección por parte das traballadoras e traballadores, entre outras cuestións que enumeran desde o sindicato.

“A Inspección de Traballo, en base ás irregularidades detectadas notificou unha proposta de requirimento á que a Consellaría non fixo alegacións, porén tivo que comparecer aportando documentación que foi obxecto de análise por parte da inspectora e que vén de notificar a resolución definitiva”, explicaron as mesmas fontes.

Aluden até a oito puntos que foron obviados polo departamento do Goberno galego, responsábel do persoal docente e non docente dos centros de ensino.

Así, e sempre segundo palabras da CIG, destaca que para a autoridade é preciso que a Xunta especifique que tarefas teñen unha maior e menor exposición ao coronavirus, algo que até o momento non se fixo a pesar de que xa fora reclamado. Igualmente pediuse saber das e dos empregados máis vulnerábeis para que se adaptaran os seus postos.

Desvío cara cada centro

Respecto dos documentos marco que regulan a planificación sobre como actuar nesta situación epidemiolóxica, o sindicato revela que Educación remarcou que iso era tarefa de “cada centro”, pero para a Inspección tiña que haber alguén responsábel de revisar todos os plans. Sobre todo para que estean en concordancia coas últimas medidas do protocolo.

No que se refire ás EPIs, houbo certa polémica coas máscaras FFP2, que exixen malia que a equipa de Alberto Núñez Feixoo negou tal extremo. En paralelo, sería precisa unha maior formación para afrontar unha realidade como a actual.

Neste contexto, a CIG-Ensino recalca que a carencia de poder da Inspección “provoca que non exista unha vía de urxencia para obrigar a resolver todos os requirimentos da autoridade laboral e a depurar responsabilidades de todo tipo por parte dos cargos con responsabilidade política na toma de decisións e na neglixencia en materia de saúde laboral”.