Xustiza

Un acusado de abuso sexual a unha menor coa que convivía négao e di que só había "un trato normal de familia"

Sede da Audiencia Provincial da Coruña. (Foto: Google)
Como consecuencia destas actuacións, a moza explicou que está sometida a tratamento psicolóxico "para a depresión, para a ansiedade e para durmir".

Un home acusado de abusar sexualmente dunha menor de 13 anos no domicilio que compartían, entre 2015 e 2017, alegou que mantiña coa nena "sempre un trato normal de familia, nada de contido sexual". "O dos tocamentos sexuais é falso totalmente", manifestou esta cuarta feira, nunha vista que decorreu na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña.

Durante a súa intervención, dixo que a relación coa menor era "espectacular" e que na denuncia interposta polo pai "os feitos están terxiversados". O procesado, para o que Fiscalía solicita unha pena de cinco anos e 11 meses de cárcere, indicou que o trato coa nena era "o normal como calquera pai".

"Era a miña filla, era a miña familia", insistiu. Fíxoo fronte ao argumento mantido pola vítima asegurando durante o xuízo que o procesado realizaba tocamentos nas súas "partes íntimas" e facíalle "xestos sexuais". "Bicoume máis dunha vez na boca", engadiu.

Reiteración

"Díxome que non lle dixese nada á miña nai, que se podía enfadar, e que non me ía facer nada que eu non quixese", relatou a aínda menor de idade. Respecto á frecuencia destes actos, indicou que "non era todos os días, pero foi máis dunha vez".

Como consecuencia destas actuacións, a moza explicou que está sometida a tratamento psicolóxico "para a depresión, para a ansiedade e para durmir". Os feitos, sostén o Ministerio Público, producíronse en varias ocasións desde mediados de 2015 "aproveitando os momentos nos que ambos estaban sós no domicilio e en contra da vontade da menor".

Por iso, ademais da pena de prisión, a Fiscalía pide o pagamento dunha indemnización para a vítima de 10.000 euros polo dano moral causado e que se lle prohiba ao procesado aproximarse á menor a unha distancia de 300 metros, así como a comunicación con ela durante catro anos.