Xustiza

A acusada de matar o seu marido en Monfero alega un pacto de suicidio: "Fomos os dous os que quixemos irnos"

Sede da Audiencia da Coruña (Foto: Google).
"Non puiden dicirlle á enfermeira que eu matei o meu marido porque me decatei de que morrera ao día seguinte", aseverou tamén.

A septuaxenaria acusada de matar o seu marido en xullo de 2021 en Monfero (Eume), alegou a un pacto de suicidio, na súa intervención final antes de dar por concluído o xuízo decorrido esta semana na Audiencia da Coruña, con Tribunal do Xurado, para rexeitar que asasinase o home, como sostén a Fiscalía.

"Fomos os dous os que quixemos irnos, mais adorabámonos en todos os sentidos, era un home bo e traballador, por que tiña que matalo, iso é un imposíbel", sentenciou para asegurar que se admiraban o un ao outro. "Non puiden dicirlle á enfermeira que eu matei o meu marido porque me decatei de que morrera ao día seguinte", aseverou tamén.

Así o manifestou despois de que Fiscalía mantivese a petición inicial de 26 anos de cárcere para a muller fronte á defensa que pide a absolución para a súa clienta. "Participou de forma activa, é un acto propio, non hai estrataxema de engano", dixo o letrado da defensa, na última sesión do xuízo, sobre a vítima en primeiro lugar e en referencia despois á súa defendida. Desta última, expuxo, ademais, que "non está acreditado o feito físico de que lle dese as pastillas" que ocasionaron a morte ao marido, que presentaba unha deterioración cognitiva.

Mentres Fiscalía sostivo que a acusada "mata ao seu esposo". "Decidiu darlle morte de maneira unilateral sen vontade ningunha por parte do marido", argumentou. "A súa versión dos feitos está encamiñada a encaixar a súa conduta", engadiu.

Argumentou, ademais, como "non lexítima" á acusada "para acabar de maneira unilateral coa vida do seu esposo cando non verbalizou de maneira expresa ese desexo". Un feito, segundo indicou, "agravado por aleivosía e por ser unha persoa especialmente vulnerábel pola súa condición de saúde que debilita a súa posibilidade de defensa", así como pola relación de parentesco.

En canto á cualificación alternativa de cooperación ao suicidio, sinalou que "non é lícito inducir ao suicidio nin cooperar de maneira necesaria con quen se quere suicidar". En contraposición, a defensa sostén que "non existe ningún dato de motivación" por parte da procesada "para facer dano" ao seu marido e "moito menos de acabar coa súa vida".

Acusada

Á espera o veredicto do Tribunal do Xurado, as sesións concluíron esta sexta feira tras a declaración da septuaxenaria que sostivo, como fixo nesta xornada, que o sucedido foi de "mutuo acordo" co seu marido, de 75 anos.

Na súa declaración, a acusada, que padece un trastorno ansioso-depresivo e á que o seu médico de cabeceira e a psiquiatra que a atendeu tras os feitos cualificaron como unha coidadora "sobrepasada", argumentou que o home tiña "moita angustia".

"Estaba desesperado por non poder falar e eu decidín irme con el como lle prometía", expuxo na súa declaración. Nela, manifestou tamén que lle dixo "igual imos para un mundo mellor e que aquí acábase todo".

"El non me dixo que se quería matar mais eu entendinlle perfectamente o que quería dicir, eu interpretei que se quería suicidar", apuntou para relatar que ambos xuntaron os fármacos que inxeriron e que a vítima foi quen "colleu os medicamentos e os tomou", e non ela quen llos forneceu, e que despois tomou tamén os fármacos. Os forenses confirmaron que a muller tería morto de non recibir asistencia médica a tempo.

No xuízo, os forenses apuntaron sobre a vítima, e en base á súa historia clínica, que tiña unha "deterioración cognitiva moderada", apuntando a "demencia ou alzheimer" como sostén o fiscal para rexeitar que o home tivese capacidade para estabelecer un pacto de suicido como sostén a defensa. "Non encaixa cun Alzheimer", expuxo unha neuróloga achegada pola defensa, que insiste en que tiña capacidade de decidir.