Acumúlanse indicios de erros no protocolo do ébola

Sanidade avalía mudar o regulamento a seguir após recoñecer ‘lagoas’. Persoal que atendeu á enfermeira galega alertou de que podía ter ébola mais a advertencia non foi considerada.

 

A medida que pasan as horas e se coñecen novos datos vanse acumulando os indicios de que puido haber erros e fallos no sistema de seguranza para detectar e atallar o ébola. Declaracións de persoal que atendeu a Teresa Romero (a enfermeira de Becerreá que é a primeira contaxiada por este virus en Europa), técnicos advertindo de ‘lagoas’ no protocolo español (menos seguro que o que estabelece a Orfganización Mundial da Saúde)... e todo iso coroado polas polémicas declaracións do conselleiro de Sanidade de Madrid nos que apuntaba directamente á responsabilidade da enfermeiroa á que mesmo chegou a acusar, sen probas, de mentir, se ben esta quinta rectificou.

O xornal ‘El País’ informa que Sanidade non tivo en consideración a alerta de persoal de pabiola que recolleu a Teresa Romero na súa morada para trasladala ao Hospital de Alcorcón. Este traballador advertiu que as síntomas podían ser de ébola, mais a alerta non foi escoitada pola administración. Esa mesma ambulancia onde se trasladou á enfermeira contaxiada levou nas 12 horas seguintes a sete persoas máis.

Neglixencias?

Mentres, en 'El Mundo' o médico que atendeu no Hospital de Alcorcón á doente recoñece que "as mangas do traxe quedábanme curtas" e de que se enterou que ela tiña ébola pola prensa.

O Ministerio de Sanidade baralla introducir modificacións no protocolo do ébola, toda vez que nese documento non se completan recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), como que haxa sempre un supervisor no momento en que se poñen e quitan os traxes de protección. Precisamente o que a propia enfermeira sinalou que puido ser a orixe do contaxio pois cunha luva se tocou a cara.

Rajoy: “É moi difícil”

O equipo de comunicación do goberno español recomendou a Mariano Rajoy unha estratexia de comunicación no ébola dirixida a tranquilizar á poboación e evitar alarmas, de aí que multiplicase as súas comparecencias a respecto do que é normal nel. O presidente afirma que “é moi difícil que isto se poida convertir niun tema que afecte a moitas persoas, moi difícil”.

De por parte, o conselleiro de Sanidade madrileño, Javier Rodríguez, mantivo nunha entrevista na Ser que a enfermeira “non deu toda a información que posuía” se ben rectificou a acusación de que mentira. Sobre responsabilidades políticas, botou balóns fóra e mesmo chegou a sacar peito ao afirmar que el era médico e ten a “vida resolta” polo que non lle molestaría demitir.