A Asociación de Actores e Actrices de Galiza aplaude a "valentía" de Iria Pinheiro

Iria Pinheiro

Nun comunicado que acaba de enviar aos meios, a Asociación de Actores e Actrices de Galiza condena de "forma enérxica" os feitos denunciados por Iria Pinheiro, quen interpuxo unha demanda penal por acoso contra o director do programa da TVG "Con amor e compañía", José Luis Viñas Oorta. Son feitos "deplorábeis e completamente intolerábeis", afirma o colectivo.

A asociación afirma que no seu momento, e cando lle foi solicitado, puxo a disposición da actriz "o asesoramento legal necesario". Gardouse, alega, "estrita confidencialidade" quer a respeito da "situación vivida" quer a respeito "das conversas mantidas no contexto do asesoramento legal entre a nosa asociada coa letrada". "Unha confidencialidade que se preserva até que Pinheiro decidiu presentar formalmente esta denuncia, que aplaudimos pola valentía que significa romper o silencio".

 

No texto da denuncia interposta por Pinheiro, recóllese que a avogada da asociación desestimou o emprendimento de accións legais pola “dificultade da proba" e por que "ninguén vai dar a cara por ela” e a "produtora, polo que parece, non vai apoiala". No seu comunicado, o colectivo de actores e actrices non se estende sobre este particular.

 

A asociación enfatiza a súa solidariedade con Iria Pinheiro e mostra o seu "pleno apoio" á actriz, "poñéndonos publicamente a súa disposición". O comunicado do colectivo conclúe co recordatorio de os recursos da entidade estaren ao servizo de todas as súas persoas asociadas "para enfrontar situacións desta gravidade".