Xa son 45 as hectáreas arrasadas polo incendio activo na Pobra

Brigadistas actuando contra o incendio da sexta feira, 10 de xullo, en Compostela (Arxina)
Un lume declarado de madrugada na parroquia de Lesón, na Pobra do Caramiñal, permanece activo na mañá deste sábado, 11 de xullo. 

Un incendio que permanece activo na mañá deste sábado, 11 de xullo, e que se declarou de madrugada na parroquia de Lesón, na Pobra do Caramiñal; queimou xa máis de 45 hectáreas.

O lume afecta a parroquia de Lesón e empezou ao redor das 3.30 horas deste sábado, polo que "todo indica que foi intencionado", di Medio Rural. Segue activo e para controlalo mobilizáronse até o de agora cinco axentes, seis brigadas, cinco motobombas e unha pa.

Está previsto, agrega o comunicado, que "o máis axiña posíbel" se incorporen medios aéreos para colaborar nos labores de extinción.

Na tarde de onte, sexta feira 10 de xullo, declaráronse dous incendios, un en Santiago de Compostela, chegando moi perto de casas e do hospital clínico; e outro en Quiroga, na parroquia de Vilar de Lor, queimando unhas varias hectáreas en cada un dos casos.

O lume na capital da Galiza extinguiuse na mañá deste sábado (ás 9.17 horas) e arrasou tres hectáreas, metade de arboledo e metade de monte raso, na parroquia de San Paio. Nas tarefas de extinción participaron catro helicópteros, dous hidroavións, sete motobombas, dúas pas, 15 brigadas e sete axentes.

No caso de Quiroga, o lume está controlado desde as 23.41 horas da sexta. A superficie arrasada é de 10 hectáreas arborizadas. Nos traballos participaron en leste caso seis helicópteros, catro avións, sete motobombas, 13 brigadas e tres axentes.