Activo un incendio en Palas de Rei con 20 hectáreas queimadas

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)

En Castro de Rei o lume afecta dúas naves industriais

Un incendio forestal permanece activo a esta hora na parroquia de Orosa, no municipio de Palas de Rei (comarca da Ulloa), e no que xa arderon 20 hectáreas.

O lume orixinouse ás 16.21 horas, segundo confirmaron á axencia Europa Press fontes da Consellaría do Medio Rural. Ademais, na mesma parroquia declarouse outro lume no que arderon 0,5 hectáreas e que quedou estabilizado ás 17.38 horas.

Actualmente, no lugar traballan para a súa extinción sete axentes, nove brigadas, seis motobombas, unha pa, tres técnicos, catro avións e cinco helicópteros.

Castro de Rei

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio que afecta a dúas naves industriais situadas no municipio chairense de Castro de Rei, en concreto, no lugar de Casás, parroquia de Goberno, e que se estendeu ao monte, onde calcinou cinco hectáreas, segundo as primeiras estimacións provisionais.

O incendio iniciouse nunha nave de labras de madeira e pasou a outra que contén madeira acumulada. Ademais, hai unha granxa de pitos nas proximidades, pero a certa distancia e con monte polo medio.

No lugar traballan os Bombeiros de Vilalba, membros do GES da Pontenova, Garda Civil e tamén medios do distinto forestal da zona de Castro de Rei, xa que o lume estendeuse tamén ao monte. Na extinción do incendio forestal traballan un total de dous axentes, cinco brigadas, catro motobombas, un técnico, dous avións e tres helicópteros. Ademais, até o punto tamén se desprazaron os servizos sanitarios a modo preventivo, aínda que ningunha persoa resultou afectada, así como técnicos da empresa de subministración eléctrica.

Tal e como confirmaron fontes de Medio Rural, este incendio calcinou cinco hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais.

Arteixo

Por outra banda, en Arteixo (comarca da Coruña) un incendio quedou estabilizado ás 17.55 horas no que ardeu unha hectárea. No lugar traballan catro axentes, sete brigadas, cinco motobombas, unha pa, un técnico e tres helicópteros.