Activo un incendio forestal en Rubiá que afecta o Parque Natural de Serra da Enciña da Lastra

Imaxe de arquivo dun incendio forestal na Galiza (Foto: Europa Press)
O parque acolle unha paisaxe mediterránea única na Galiza.

A Consellería do Medio Rural informou dun incendio forestal activo no municipio de Rubiá, na comarca de Valdeorras, que polo momento afecta 35 hectáreas do Parque Natural de Serra da Enciña da Lastra.

En concreto, o foco permanece activo desde as 13:05 horas desta sexta feira na parroquia de Pardollán.

As primeiras estimacións, ata que se parametrice a superficie exacta, apuntan a que a área calcinada é de 35 hectáreas.

No seu control traballan catro brigadas, dúas motobombas, dous avións e dous helicópteros, tal e como informa a Consellaría a través dun comunicado.

Coas súas 3.151,67 ha de superficie, Enciña da Lastra é o máis novo dos seis parques naturais da Galiza. Acolle unha paisaxe mediterránea única na Galiza. Destacan os bosques de aciñeiras, soutos e matogueiras mediterráneas, que contan con peculiaridades como a presenza de campos de tomiñares silvestres. Hai endemismos florais de chans calcarios e outras rarezas como máis de 25 especies de orquídeas. Entre os hábitats de interese comunitario hai uceiras, matogueiras de estevas, pasteiros, pendentes rochosas calcarias, covas e bosques de castiñeiros e aciñeiras.