Activo un incendio forestal na parroquia de Ribasieira, Porto do Son

Bombeiros forestais da Brif de Laza combaten o lume no lugar da Barxa, na Gudiña. (Foto: @BrifLaza).
Medio Rural estima unhas 70 hectáreas de terreo calcinado polo lume.

Un incendio forestal permanece activo desde a noite pasada -sexta feira- no municipio de Porto do Son, na comarca da Barbanza, onde arderon unhas 70 hectáreas.

Segundo informou a Consellería de Medio Rural na mañá deste sábado, o fogo afecta á parroquia de Ribasieira e foi declarado contra as 22.30 horas. Até o lugar desprazáronse un técnico, oito axentes, 13 brigadas, 15 motobombas e catro pas.

As primeiras estimacións da Xunta apuntan unha superficie queimada de 70 hectáreas.

Por outra parte, o Goberno galego apuntou que mantén estabilizado o incendio na parroquia de San Xes de Vilariño, en Lobeira, na comarca da Baixa Limia no que as chamas consumiron desde a pasada cuarta feira 560 hectáreas do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

Nas tarefas de control participaron no últimos tres días 41 axentes, 111 brigadas, 58 motobombas, catro pas, once avións e 13 helicópteros.

Ademnais, nas úiltimas horas, bombeiros forestais da brigada de Laza traballaron no control dun dos dous fogos declarados onte no lugar da Barxa, na Gudiña. Dous focos próximos que "arrancaron con forza" a media tarde e dos que polo momento Medio Rural non achegou información.