María Fidalgo e Rut León reflexionan sobre interseccionalidade nas xornadas feministas Noutrén

[Imaxe: Concello da Coruña] Manifestación do 8M na Coruña
A terceira sesión das xornadas feministas Noutrén: feminismo poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo baixo a dirección de Purificación Cabido, contarán esta cuarta feira, día 16, coas voces de María Fidalgo e Rut León para indagar sobre interseccionalidade desde o vivencial.

Noutrén: feminismo poscolonial. Decolonializando corpos e territorios é a proposta que desde o 2 de outubro e ata o 9 de novembro ofrece, de forma semanal, un espazo de reflexión feminista a través das voces expertas de activistas, teóricas, investigadoras, sindicalistas ou docentes desde a Casa do Taberneiro de Compostela. 

Nesta terceira sesión, que como o resto terá lugar ás 20 horas, a psicóloga social María Fidalgo, integrante de colectivos como Raias traveseiras ou o Foro galego da inmigración, compartirá conversa coa activista e mediadora cultural Rut León arredor das identidades e dos territorios. 

A actividade continúa o día 23 cun programa centrado no activismo e o coidado da vida, no que intervirán a integrante na Marcha Mundial das Mulleres Erea Blanco e a doutora en educación, xénero e igualdade Rebeca Raso. A quinta sesión, o 30 de outubro, quere dar protagonismo ao feminismo transgresor, a través das voces de Laura Bugallo, Daniela Ferrández e Cristina Palacios. A sexta e última palestra, o 6 de novembro, contará coa palabra de Iraitz Agirre Aranguren, Ximena González e María Reimóndez para formular estratexias arredor da soberanía feminista.

A programación péchase o sábado 9 de novembro cun roteiro guiado que sairá ás 12 horas da praza 8 de Marzo, coas mulleres e o feminismo de Compostela como fío condutor.