Activistas íspense contra Hidralia, empresa galega que ''viola e asasina'' en Guatemala

As accións contra a entidade, propiedade dos irmáns galegos Castro Valdivia, non fixeron máis que comezar, din as feministas. Na cabeza teñen xa un acto recadatorio para enviar cartos ás mulleres que teñen familiares entre os nove presos políticos que hai a día de hoxe no municipio de Barillas. Están na cadea por se opor ao proxecto de explotación dunha minicentral hidroeléctrica que o capital galego quere pór en marcha alén mar, co único apoio dos militares e dun goberno que preside o ex xeneral Otto Pérez Molina

Espidas e cubertas de 'sangue'. Así se presentaron un grupo de activistas feministas diante da sede dunha das empresas que os irmáns Castro Valdivia posúen. Querían que fose Hidralia. Camuflada baixo un nome máis local, Hidro Santa Cruz, esta transnacional pretende explotar unha central hidroeléctrica en Santa Cruz Barillas, un municipio situado no departamento de Huehuetenango, en Guatemala.

Aínda que as comunidades indíxenas que habitan os territorios que a empresa foi expropiando á forza dixeron que non querían alí ningunha actividade que non respectase a natureza, aínda que unha consulta comunitaria realizada en 2007 situou a opinión do pobo maia nesa liña, aínda que o concello denegou a licenza de construción á empresa galega... esta seguiu adiante pola vía da forza e co apoio dun goberno que preside o ex xeneral Otto Pérez Molina, após de que Luis Castro Valdivia colaborase no financiamento da súa campaña electoral.

Violacións a mulleres, incursións do exército ás noites nas vivendas das familias para as amedrentaren, explosivos de uso exclusivo militar colocados no territorio onde se instalou a empresa --após ouviren unha forte explosión, @s veciñ@s achegáronse e deron cun can morto e despezado-- e até o asasinato dun líder campesiño a tiros por parte de dous traballadores de Hidro Santa Cruz o 1 de maio, son as prácticas que manexa a alianza militar-empresarial, segundo documenta un informe da Converxencia polos dereitos humanos de Guatemala.

Pois ben, as feministas querían denunciar a violencia de Hidralia ás portas das súas instalacións na Coruña. Mais a escasa visibilidade do emprazamento, na avenida do Exército, levounas á sede doutra empresa, propiedade tamén de Luis Castro Valdivia, coñecido na Galiza como 'o señor das minicentrais' e que estivo investigado pola fiscalía anticorrupción polas numerosas adxudicacións que se fixeron a seu nome durante a era Fraga, cando o seu cuñado, Ramón Ordás Baldía, era director xeral de Enerxía e Minas. Nunha das empresas, Hidroeléctrica del Arnoya, posuía o 50% das participacións xunto con Antonio Fontenla, presidente da Confederación de empresarios. O outro 50% era propiedade da familia de Francisco Vázquez, ex alcalde da Coruña, a través dunha empresa cuxo nome, Iglevaz, xuntaba os apelidos do ex rexedor --Vázquez-- e da súa muller --Iglesias--.

"Desde Galiza, un grupo de individualidades feministas posicionámonos en solidariedade coa loita das comunidades mayas de Barillas, en particular coa loita das mulleres que, asediadas pola deslixitimación, as ameazas, o acoso, a intimidación e a violencia sexual, seguen co firme propósito de poñer fin aos procesos históricos de abuso e expropiación da terra e dos seus corpos", concluíu dicindo a voz que deu lectura ao manifesto en que se detallan un a un os abusos cometidos por Hidro Santa Cruz contra o pobo indíxena maia neste lugar de Guatemala, nomeadamente contra as mulleres. Así, as activistas colocaron unha faixa en que se podía ler un duro lema que fixo parte de mobilizacións de mulleres alén mar, en Huehuetenango: Quantas mulheres precisam violar para produzir luz?

A mesma acción repetiuse diante da vivenda de Francisco Vázquez. A idea das activistas e "seguir loitando", segundo explican a este xornal. Na cabeza ándanlles xa máis actos reivindicativos para denunciar as prácticas emprendidas por transnacionais e multinacionais nos países do sur con capital galego ou español, como o caso de Cajamarca, en Perú. Coordinado con organizacións guatemaltecas, prepararán tamén unha acción recadatoria para enviar diñeiro ás mulleres de Barillas que teñen familiares encarcerados, presos políticos. A día de hoxe hai nove persoas detidas --todos homes--, e 21 ordes de busca e captura ditadas polo propio Goberno en contra de comunitari@s que se opoñen á actividade de Hidro Santa Cruz.


NOTA: As fotos publicadas nesta información foron cedidas por Rizlinha. Nas páxinas de Internacional do noso semanario nº13 poderedes atopar información completa sobre a actividade dos irmáns Castro Valdivia, tanto na Galiza como en Guatemala