Activistas de Coia toman a rotonda do Alfageme no aniversario da loita veciñal

Dous membros da Asemblea Aberta de Coia subiron ao mastro barco para pedir a absolución dun dos detidos durante os protestos no barrio vigués polas precarias políticas sociais na cidade. 


Un ano despois da loita veciñal, a Asemblea Aberta de Coia retomou as protestas no barrio vigués. Dous activistas subiron por sorpresa este mediodía, cara as 14.30 horas, ao mastro do Bernardo Alfageme, o histórico buque colocado na rotonda, que foi o símbolo das protestas contra as precarias políticas sociais do Concello de Vigo.

Colocaron pancartas cos lemas “Polo dereito a vivir con dignidade”, “Pola xustiza social” e “Pola absolución de Diego”, este último, un dos detidos durante a resistencia veciñal, que está á espera de xuízo e denunciado por presunto atentado contra a autoridade, lesións e desordes públicos. Nos arredores, o resto de activistas da Asemblea apoiaban a acción.

Os activistas leron un manifesto polo aniversario da resistencia veciñal ante a mirada dunha ducia de axentes da Policía Local. Até a rotonda achegáronse tamén a Policía Nacional e o corpo de Bombeiros, que decidiron abandonar o lugar. Segundo testemuñas, os bombeiros negáronse a subir e deixaron unha escaleira na rotonda.

A Policía esperou durante catro horas a que baixaran e identificounos. Ambos poderían ser sancionados, con multas que van dos 300 aos 600 euros, segundo as fontes consultadas.