O activista denunciado por Coren rexeita retractarse e insiste en que hai vertidos "sen ningún tipo de control"

Manuel García, terceiro pola esquerda durante unha protesta do Movemento Ecoloxista da Limia (Imaxe: Europa Press).

O acto de conciliación, no que a empresa esixiu unha rectificación pública, finalizou sen acordo entre as partes.

 

Manuel García, o ecoloxista que acusou Coren de realizar verteduras de xurros, mantense firme: "Non houbo acordo, non aceptei as condicións que me puñan e por suposto non concordo con que atentase contra a honra desta empresa".

O agricultor e activista do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) acudiu esta segunda feira aos xulgados de Xinzo ao acto de conciliación coa compañía, que o denunciou por suposta falsidade nas súas declaracións e esixiulle unha rectificación pública sobre as súas críticas.

O denunciado chegou arroupado por varios compañeiros e compañeiras, agricultores e gandeiras que o esperaban ás portas dos xulgados que acudiron a trasladarlle o seu apoio e para deixar claro que "non son culpábeis, son vítimas".

O programa 'España directo' emitiu en setembro un espazo dedicado á situación do encoro das Conchas, pola presenza de cianobacterias, e os efectos da sobreexplotación das granxas, as verteduras indiscriminadas e a contaminación das augas.

Neste espazo, ademais de veciñanza da zona, interveu o activista de MEL, mostrando un vídeo dunha cisterna dunha granxa, supostamente propiedade de Coren, regando con xurro unha pradaría nun monte comunal, e advertindo das consecuencias que teñen estas sustancias (antibióticos, químicos, restos de produtos de limpeza) cando se filtran ao subsolo, tanto nas augas subterráneas como polos excedentes que chegan aos ríos e aos encoros.

Todo iso derivou nunha demanda civil interposta pola empresa contra o ecoloxista, que considera, en declaracións a Europa Press, que Coren está a tentar "poñer unha cabeza de turco para tratar de silenciar as protestas e o movemento social que está a emerxer" na comarca da Limia e en Galiza contra as prácticas e as consecuencias da sobreexplotación e mala xestión de residuos.

"Todo o que digo ten unha base científica e unha base real. Toda a xente veo a diario nesta comarca, isto é así", insistiu García, quen advertiu de que "hai cinco denuncias ante a Fiscalía de testemuñas directas que viron camións vertendo a caño libre"".

García denunciou que estas zonas teñen "un grave problema de saúde pública" por permitir que este tipo de industrias realicen as súas verteduras "sen ningún tipo de control".

En concreto, sinalou á "irresponsabilidade" tanto da Xunta e da Confederación Hidrográfica, sobre todo no caso da Consellería de Medio Rural, posto que é consciente e coñecedora xa desde 2004 da "sobrecarga" deste tipo de modelo produtivo e que, a pesar diso, seguiu autorizando novas ampliacións, "ata duplicarse a carga gandeira".