O activismo social tomba o parque eólico Monte Agrelo e Muriño

Zona afectada polo parque eólico Monte Agrelo e Muriño. (Foto: Salvemos Cabana)

O proxecto afectaría numerosas especies “vulerábeis” e en “perigo de extinción”.

A actuación de asociacións, plataformas, grupos políticos e particulares foi “determinante” para lograr que o “polémico” proxecto que EDP Renovables pretendía instalar entre Cabana de Bergantiños e Zas (comarcas de Bergantiños e Terra de Soneira, respectivamente) non superase o trámite ambiental.

Así, o Instituto de Estudos do Territorio como a Dirección Xeral de Patrimonio Natural veñen de corroborar as decenas de alegacións presentadas no referente aos “graves impactos” que o proxecto do parque eólico Monte Agrelo e Muriño causaría á paisaxe da Costa da Morte. Confirman, da mesma maneira, a imposibilidade da súa integración cos distintos elementos do patrimonio natural e cultural, a afección á biodiversidade e así como “os efectos sinérxicos e acumulativos con outros proxectos eólicos da contorna”, informa a asociación de defensa ambiental Salvemos Cabana.

A asociación xa denunciou en setembro de 2022 que os sete aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa do parque eólico Monte Agrelo e Muriño “prexudicarían directamente algunhas das mellores contornas rurais da Galiza”, ao atoparse o proxecto na área de afección visual de monumentos coma o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de “alto valor etnográfico e patrimonial” como San Fins do Castro.

De feito, a propia empresa promotora recoñecera un elevadísimo nivel de impacto cunha visibilidade total calculada superior ás 37.000 hectáreas.

Especies ameazadas

Doutra banda, Salvemos Cabana alerta de que a zona onde pretendía instalarse o proxecto conta coa presenza da tartaraña cincenta (Circus pygargus), especie catalogada como "vulnerábel” nos catálogos oficiais galego e estatal.

As infraestruturas do parque eólico atoparíanse dentro da área de distribución potencial da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitatica Steinbacher), actualmente en perigo de extinción. De igual maneira, afectaría a seis especies ameazadas de morcegos presentes na poligonal do proxecto.

Contaminación acústica e visual

Finalmente, a instalación desta iniciativa enerxética tamén podería carrexar unha problemática a longo prazo para as áreas residenciais afectadas. Alén dos estudos acústico e de parpadeo de sombras presentados pola promotora, a empresa non avaliou os potenciais efectos do parque eólico sobre a saúde da poboación residente nas zonas máis próximas aos aeroxeradores, tal e como sería recomendábel de acordo coas suxestións da Dirección Xeral de Saúde Pública.

É por todo isto que Salvemos Cabana celebra que “polo menos neste caso, e debido ao invasivo do proxecto, veña de primar a cordura coa negativa ambiental ao parque eólico Monte Agrelo e Muriño, máis tendo en conta a falta de control que transcende de moitos outros plans enerxéticos dispersos por todo o territorio galego que levantaron ás comunidades en defensa da súa terra e os seus dereitos máis elementais”.