O activismo galego contra os despexos dirixe as súas críticas cara á Xunta de Feijóo

Protesta contra un desafiuzamento en Ferrol

Diversas plaformas contra os desafiuzamentos cualifican de “papel mollado con intención electoralista” o bono anunciado polo Goberno galego do PP para axudar a afectad@s e anuncian que reactivarán a presentación dunha ILP a favor do dereito a vivenda e para evitar máis desafiuzamentos.

 

As plataformas anti desafiuzamentos de Galiza cargaron este sábado contra o bono aluguer que activará a Xunta para evitar despezos de persoas con problemas económicos. En concreto, estes colectivos cualificaron o citado bono aluguer, que podería supoñer uns 150 euros ao mes, de "papel mollado". "Como foi o das 500 vivendas", engadiu, en roda de prensa, María Díaz, de Stop Desafiuzamentos Compostela, onde se celebrou unha reunión das distintas plataformas a favor da vivenda do país.

Segundo a súa versión, destas 500 vivendas que habilitou a Xunta, “só se entregaron, en dous anos, 43". Sobre este tema, a portavoz destacou que un total de "6,6 familias" son desafiuzadas "diariamente" en Galiza. Seguindo con este discruso, engadiu que o plan de vivenda que activará a Xunta, dentro do que se atopa o bono aluguer, é un "plan de cara ás eleccións" municipais. Díaz preguntouse "que lle resolve" a unha familia cuns "ingresos de 400 euros" ao mes un bono aluguer de 150, á vez que preguntou "quen ten dereito" a este bono aluguer e "quen non".

PARLAMENTO

Por último, as plataformas anti-desafiuzamentos de Galiza tamén fixeron fincapé en "retomar" unha Iniciativa Legislativa Popular (ILP) centrada en "tres puntos fundamentais": a "paralización inmediata" dos despexos; a "posta a disposición" da cidadanía de "pisos baleiros en mans dos bancos" e a creación dunha nova lei de vivenda e solo.