O activismo chama a "seguir mellorando" a futura lei trans

O movemento LGTBI urxe a inclusión de persoas non binarias, menores e migrantes na norma. (Foto: Zera Ruzgar).
O voto unánime do Consello Xeral do Poder Xudicial a favor dun informe crítico coa futura Lei trans reaviva o debate sobre a finalidade e os detalles dunha norma que persegue a igualdade real e efectiva das persoas trans mais a garantía dos dereitos das persoas LGTBI.

Para o activismo galego, o informe crítico sobre o anteproxecto de lei trans elaborado polo Ministerio de Igualdade, aprobado por unanimidade polo órgano de goberno dos xuíces, demostra que aínda queda moito traballo por facer. "Hai que seguir traballando moito na norma para facela mellor e sacala adiante", afirma en declaracións a Nós Diario Xandre Garrido, responsábel de organización de Avante LGBT+.

No seu informe, non vinculante, os maxistrados do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) advirten sobre determinados aspectos que poderían vulnerar dereitos das mulleres non transexuais e reclaman un maior control no caso das persoas menores de 16 anos que queiran mudar de sexo.

Autorización xudicial e certificado de madurez

Malia concordar coa finalidade da norma, recollen unha serie de recomendacións preceptivas. No caso dos menores, os xuíces avogan pola intervención xudicial e a necesidade dunha certificación de madurez para levar a cabo un cambio rexistral de sexo. Así, di o informe, entre os 14 e os 16 anos debería exixirse unha autorización xudicial, como a que contempla a norma para as crianzas de entre 12 e 14, a modo de garantía dunha madurez e estabilidade suficientes.

Neste punto o CXPX contradí a lei e as demandas do movemento LGTBI, moito máis ambicioso no recoñecemento dos  seus dereitos e liberdades. "É necesario incluír as persoas menores na norma", di Garrido. "Agora mesmo hai persoas de menos de 10 anos que poden facer o cambio de nome, mais de aprobarse esta lei van sufrir un retroceso ao ver adiada esa posibilidade".

Desde o colectivo Amizando, Hayden Dopico insiste nese risco de regresión na defensa dos dereitos LGTBI. O informe dos xuíces é, segundo di, "un despropósito" que mesmo desatende a doutrina europea, "que recomenda que as persoas trans poidan acceder aos cambios desde o inicio do proceso", sen trámite xudicial ningún, como veñen reclamando as familias.

Terapias de conversión

O activismo galego censura, ademais, a posición do CXPX sobre as terapia psicolóxica. Amosa a súa desconformidade coa idea de prohibila cando exista consentimento expreso. "Escúsase na promoción autónoma da persoa pero esquece que hai algo que se chama coacción". Que unha persoa manifeste que quere someterse a esas terapias de conversión, que a ONU iguala a métodos de tortura, "non significa que o esta facendo de forma autónoma", di Dopico. Outra cousa, matiza Garrido, é o acompañamento psicolóxico respectuoso e necesario en moitos casos ante un cambio tan importante na vida dunha persoa.

A mellora da lei trans, conclúe o activismo galego, pasa por incluír na lei as persoas menores, o dereito de autedeterminación e construción identitaria das persoas psiquiatrizadas e con discapacidade, as persoas migrantes e non binarias. "É fundamental,  e isto exixe unha nova articulación do corpo lexislativo para cadrar esta realidade na loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade", incide Xandre Garrido. Trátase dunha demanda contraria aos intereses dunha parte do feminismo que ve neste arela unha ameaza aos seus propios dereitos. "Non ten sentido, só pedimos que se teñan en conta outras realidades", resolve Dopico.